Leilía pecha o círculo

O grupo deixa os escearios coa xira ‘Vidas Cantadas’ despois de 34 anos defendendo a música tradicional galega e “facendo país”

As integrantes de Leilía.   | // CEDIDA

As integrantes de Leilía. | // CEDIDA / M. gonzález

M. gonzález

Camiñando un día pola rúa da Conga, en Santiago, Ana Rodríguez emocionouse ó escoitar a unha mociña que fachendosa facía soar as ferreñas da súa pandeireta.“Emocioneime ó pensar que Leilía tivo algo que ver niso”, confesa Ana Rodríguez.

É parte do grande legado que deixa Leilía, que se despide dos escenarios este 2023. Tras máis de trinta anos enriba dos palcos, o grupo, que naceu en 1989, ofrece a súa última xira, que leva por nome Vidas Cantadas.

Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez cerran así o círculo dun proxecto musical que naceu fai 34 anos co obxectivo de recuperar do esquecemento a tradición oral.

“A idea era parar xa cando fixemos o 30 aniversario, en 2019”, indica Ana Rodríguez. “O que pasa é que queriamos facelo cun disco, pero non o demos sacado nese ano e adiámolo. Creamos un espectáculo intermedio, que se chamou Cantarelas, onde faciamos unha viaxe pola nosa traxectoria, escollendo os temas máis emblemáticos para Leilía”, engade. Aquel foi un espectáculo “que nos deu moita vida”, prosigue, “porque recibimos moitísima enerxía do público, foi unha xira moi emotiva”.

A pandemia meteuse entón polo medio da súa idea de deixar os palcos. “Houbo que adiar gravacións, ensaios... Ata agora, que o retomamos. Quedan uns temas por gravar do disco e confiamos que saia a finais de este ano”, apunta. Ese disco chamarase tamén “Vidas Cantadas”, igual que a xira, e “con el diremos adeus a unha traxectoria de 34 anos defendendo a tradición oral galega”.

Aínda que se trata dunha decisión “que leva tempo fraguándose”, non deixa de ser “difícil”: “Costa dicir adeus, despedirse, pero ten que ser. É un momento de moitísima emotividade, pero o sabor que che queda é tan bo que se che encolle un pouco o estómago, o corazón, pero estás contenta porque o balance é moi positivo”, valora.

Ana Rodríguez lembra os inicios de Leilía, que arrancou case de xeito “casual”: “No caso da miña irmá e máis eu iamos ensaiar ó Centro Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras, onde nos daba clase Feli. Iso foi no ano 88. Cando en setembro dese ano se suspenderon as clases por vacacións Feli nos dixo que se xuntaba cunhas amizades os domingos para tocar e ofreceunos ir con ela”. E foron. “Quedabamos polo simple feito de aprender cousas que nos gustaban, que se aprendían nas aldeas e que non ían ter una proxección escénica”. Foi nun deses ensaios cando un veciño lles propuxo ir tocar á saída das Festas de Oza. A partir dese momento, “todo foi rodado”: “Dende o principio houbo xente que veu nesta capacidade de cantar, de recuperar e de transmitir que había moitísima riqueza. Houbo xente que veu máis alá e que nos levou da man e que creron en nós antes que nós mesmas”.

Ana Rodríguez define Leilía “coma unha especie de arco da vella, onde cada cor é necesaria para que o arco da vella brille”, di sobre a formación que considera que “marcou un punto de inflexión no panorama musical galego porque deu a coñecer o inmenso patrimonio de tradición oral que había nas nosas aldeas”. Neste punto, Rodríguez afirma que “os músicos daquelas miraban moito cara fóra: Escocia, Irlanda, Bretaña... pero cando saímos coas nosas voces e pandeiretas a encher os escenarios déronse de conta de que podían buscar nas nosas orixes ese punto de inspiración e, a partir de aí, o panorama musical galego mudou”. E tamén porque o grupo estaba formado por mulleres. “Agora en Galicia o cantar feminino ten un peso tremendo”: “Leilía fixo país, apostou pola tradición oral galega, pola lingua, por unha música de raíz, sen perder a coherencia, sempre cos pés na terra e dándolle as gracias á nosa fonte de información, que eran as mulleres da aldea”. “Fomos as primeiras mulleres en subirnos a un escenario cun espectáculo que rompeu canto molde había”, di Ana Rodríguez. “A xente quere que a música do pobo volva a ser do pobo e ese creo que foi outro dos logros de Leilía, e foi capaz de recuperar cousas que agora forman parte do presente e do futuro musical deste país”, engade.

Esta última xira terá dúas partes, a primeira ata setembro aproximadamente, para dar paso despois ós concertos de despedida, nos últimos meses do ano, que terán unha posta en escena diferente e que contará con Quico Cadaval na dirección escénica. “Vidas Cantadas ten esa razón de ser porque cantadas eran as vidas das mulleres que nos ensinaron o que sabemos, pero tamén ten sentido para nós porque levamos máis da metade das nosas vidas cantando con Leilía. Ademais, pechamos o círculo porque as melodías que van a formar parte deste disco son as primeiras que Leilía aprendeu e que nunca foron gravadas nun disco propio”, engade: “Agora recollemos esas melodías e os últimos concertos serán as últimas pedras para pechar ese círculo”.

“Estou feliz de ter formado parte deste proxecto, dun proxecto que fixo país”, conclúe Ana Rodríguez.

Suscríbete para seguir leyendo