Marta Villar recolle o Premio Xerais de Novela por Detective Ferruchi

Nunha gala en Vigo, Xerais fixo entrega dos premios literarios máis prestixiosos do sector editorial en Galicia

Noli Moo xunto con Marta Villar na entrega do Premio Xerais de Novela

Noli Moo xunto con Marta Villar na entrega do Premio Xerais de Novela / Adrián Irago

A Coruña

A editorial Xerais fixo entrega na mañá deste sábado en Vigo dos seus premios literarios, os máis prestixiosos do sector editorial en Galicia. Na gala, a xornalista de La Opinión A Coruña Marta Villar recolleu o XLI Premio Xerais de Novela pola súa obra Detective Ferruchi, que foi outorgado por decisión unánime do xurado.

Ademais, entregáronse o Premio Merlín de Literatura Infantil a Abel Tomé por Milú e o edificio das persoas extraordinarias e o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil a Raquel Fernández Fernández por I'm Obelix.

De esquerda a dereita Sara Vila (responsable de comunicación de Xerais), Raquel Fernández, Marta Villar, Abel Tomé e Fran Alonxo (director de Xerais)

De esquerda a dereita Sara Vila (responsable de comunicación de Xerais), Raquel Fernández, Marta Villar, Abel Tomé e Fran Alonxo (director de Xerais) / Adrián Irago

Detective Ferruchi

Nesta novela, Marta Villar conta a historia de Sol Cortes quen, tras moitos anos fóra, regresa a Umeiro, a súa vila natal, e abre unha libraría. Poucos días despois da apertura, aparece brutalmente asasinado Xan Sequeiro, un veterinario insociable e introvertido pero a quen toda a veciñanza admiraba pola súa capacidade e sensibilidade no trato cos animais.

A investigación deste asasinato conforma o núcleo "dunha trama rica e heteroxénea tecida con fíos narrativos de emoción, enxeño e intensidade", tal e como indicaba a editorial Xerais no comunicado no que anunciaba o premio no mes de xuño, no que engade que "os numerosos personaxes, peculiares e sorprendentes, interactúan con naturalidade na historia mediante uns diálogos fluídos e espontáneos onde, unhas veces con humor e outras con gravidade, van infiltrando na novela diversos temas que levan a reflexionar de forma crítica sobre os comportamentos xerais da sociedade actual".

Marta Villar na entrega do Premio Xerais de Novela

Marta Villar na entrega do Premio Xerais de Novela / Adrián Irago

"A utilización dunha voz narradora limpa e aguda consegue manter a intriga dende o comezo a través dun ton cómico e paródico pero tremendamente eficaz", concluía Xerais, que recorda que o xurado estaba composto por Celia Fernández (libreira en Espazo lector Nobel Ourense), Lucía Madarro (adestradora deportiva e bookstagrammer en @lumadoito), Asun González (graduada en Filoloxía Hispánica), Sergio Álvarez (exfutbolista e actual conselleiro do Real Club Celta de Vigo), Pedro Iturburua (profesor xubilado de Lingua e Literatura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto. 

Preocupación polo galego

Neste acto, o director da editorial Xerais, Fran Alonso, aproveitou para amosar a preocupación do sector editorial polo retroceso do uso do galego entre a xente nova, pola perda de falantes e pola "invisibilidade" do libro neste idioma e reclamou medidas "eficaces" para paliar esta situación.

Durante a gala organizada pola empresa editora para entregar os seus premios, Alonso reivindicou o papel das editoriais galegas, que traballan coa lingua e "producen un incalculable valor intanxible pero tamén, por suposto, riqueza tanxible".

O evento celebrouse no auditorio Mar de Vigo e, entre outras sorpresas, contou coa proxección dun vídeo da poeta Chus Pato, recentemente recoñecida como Premio Nacional de Poesía 2024 pola súa obra Sonora, editada tamén por Xerais.

Tracking Pixel Contents