Xerais entrega os seus premios cun SOS ante a sangría de galegofalantes
O director, Fran Alonso, subliña que «a lingua galega está no peor momento da historia» e ve «indignante» a falta de medidas
Marta Villar defende «o libro como auténtico refuxio»

A gañadora do Premio Xerais de Novela, Marta Villar. | Adrián Irago
Mar Mato
Algo profundo e mesmo retorcido acontece neste país que nas galas e celebracións do seu sector cultural sempre ventean as forzas negativas. O director de Xerais, Fran Alonso, aproveitou onte que se celebraba a entrega dos premios da súa editorial no Museo do Mar de Vigo para establecer un símil entre o ocaso do galego e o estado da mar. «A lingua galega está no peor momento estadístico da súa historia, o momento no que conta con menos falantes», indicou Alonso ante «a desacougante marusía» que vive. «É indignante que non se tomaran medidas eficaces para deter a sangría de falantes», lamentou.

Susana Pedreira, con Villar, Raquel Fernández (2d) e Abel Tomé. | Adrián Irago
«Este mar bravo —proseguiu— parece anunciar que temos ás portas unha destrutora galerna (...) As linguas crean riqueza tanxible a través das escritoras e escritores. Os editores publicamos para crear unha sociedade máis avanzada».
O editor recoñeceu que no ámbito cultural atópanse «desolados» e preguntou: «Era esta a situación á que se refería o actual presidente da Xunta cando participou na manifestación de Galicia Bilingüe contra a imposición do galego? Repito ‘imposición do galego’. Era esta a paz lingüística que leva defendendo a Administración galega con teimosía dende hai tantos anos? De que se trata, dunha paz postmorten? Que cruel ironía!». Porén,quixo mostrarse optimista e arelar que a cidadanía responda e medre a conciencia lingüística ao redor do galego. Alonso aproveitou tamén para lembrar a Hematocrítico. As súas palabras resoaron no museo ante máis dun cento de persoas entre as que se atopaban Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; ou a académica da Real Academia Galega (RAG) Marilar Aleixandre; o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; representante da Federación das Librarías de Galicia, Celia Fernández, e xente dos eidos da escrita e a lectura.
O discurso de Fran Alonso abriu a cerimonia, presentada pola xornalista Susana Pedreira. Nela, entregaron o Premio Xerais de Novela á xornalista de LA OPINIÓN A CORUÑA Marta Villar por Detective Ferruchi; o Jules Verne de literatura xuvenil á cociñeira de Nigrán Raquel Fernández por I´m Obélix; e o Merlín de literatura infantil ao xornalista Abel Tomé por Milú e o edificio das persoas extraordinarias.
Marta Villar defendeu a necesidade da maxia na literatura. «Teñen moito que ver.As dúas teñen a capacidade de abraiar», sinalou a xornalista de Malpica quen antes destacara a importancia da literatura infantil —xusto este ano publicou con Xerais Os peidos máxicos de Sultán— e o seu público.
A autora resaltou como cando somos novos temos máis capacidade para sorprendernos coas cousas simples e belas do mundo como os papaventos, os vagalumes, a maxia e a literatura. Respecto desta última, sinalou que «o libro é o auténtico refuxio no que estás a salvo. É un salvavidas», ao tempo que resaltou o labor de Xerais na «defensa do idioma».
Sobre a historia de Detective Ferruchi, Villar preséntanos con humor unha investigación dun crime no que se entrecruzan os temas da convivencia interxeneracional, unha reflexión sobre a contaminación ambiental do mundo da moda e a importancia do libro no noso mundo.
No caso de I´m Obélix, de Raquel Fernández, a escritora de Nigrán falou do arranque da novela na planta de psiquiatría dun hospital e do seu protagonista, Isma, un rapaz con TDAH (trastorno de déficit atencional e hiperactividade) que comeza o primeiro ano no instituto e comeza a sufrir acoso escolar. «Foi moi duro escribir esta novela e poñerme no lugar dunha persoa diferente que sofre consecuencias por iso», recoñeceu. Fernández aproveitou para enfatizar que «os compañeiros de clase deben ser amigos aos que non ter medo» para despois recalcar que a escrita leva con ela «dense sempre». Ao igual que Marta Villar, defendeuna «como un refuxio».
Pola súa parte, Abel Tomé presentou Milú e o edificio das persoas extraordinarias, unha historia na que unha paupérrima vivenda acolle familias apartadas da sociedade pola súa procedencia ou outras razóns. Tomé recoñeceu que hai anos pensou que non chegaría nunca a publicar un libro e agradeceu a Xerais a oportunidade xa que este non é o seu primeiro libro. Ademais pediu á cidanía non arredar as xentes que veñen doutros países por necesidade xa que esta patria perténcelles tanto a eles como a nós.
- La panadería de A Coruña que cumple 75 años con colas en la puerta: 'Mis abuelos no tenían ni idea de pan cuando empezaron
- La confitería de A Coruña que lleva más de 40 años triunfando con sus sándwiches de miga: 'Todo el mundo dice que saben como los de Buenos Aires
- Juan Carlos Escotet recorre kilómetros: tercer partido consecutivo en la grada visitante con la afición del Deportivo
- A Coruña está hoy en aviso amarillo por lluvia y tormentas: este es el horario de la alerta
- La avenida de Santa Cristina ya es de Oleiros
- Sergi Quintela da el ascenso al Obradoiro y obliga al Leyma Coruña a pelear por la ACB en el ‘play off’
- El mesón con uno de los mejores calamares de A Coruña: 'Aquí la freidora nunca está parada
- El Puerto de A Coruña prepara la llegada a Langosteira de la última granelera de los muelles interiores