Editorial Galaxia celebra 75 anos na loita pola dignidade da cultura galega

«É unha excepcionalidade en Galicia e en España», resalta Antón Vidal | Máis de 60 actividades festexarano con foros, premios, libros, pezas teatrais e exposicións

Antón Vidal, presidente do Consello de Administración de Galaxia, este venres no acto de presentación. |  Pablo H. Gamarra

Antón Vidal, presidente do Consello de Administración de Galaxia, este venres no acto de presentación. | Pablo H. Gamarra

Mar Mato

Que unha editorial dunha lingua minorizada e minoritaria como o galego celebre 75 anos de vida é algo excepcional. Sobre todo se temos en conta que naceu nunha ditadura na que se perseguía o idioma galego. Galaxia festéxao neste 2025 sendo consciente da súa «excepcionalidade» en Galicia pero tamén no Estado español cun programa de actos, máis de 60 para os vindeiros meses.

O lugar elixido foi o Hotel Ciudad de Vigo, na séptima planta, nunha sala cunhas marabillosas vistas á ría viguesa e á franxa de Cangas e Moaña.Dende esta altura, María Pereira, directora de Merlín Comunicación, conduciu o acto no que falaron Xosé Soutullo, director da editorial; Marcos Calveiro, director de edicións; a catedrática Dolores Vilavedra; e Antón Vidal, presidente do consello de administración. Todos alumearon o futuro baixo o lema do 75 aniversario, «Crear porvir».

Máis dun cento de persoas —entre elas o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Victor Freixanes, a vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez; e ediles do Goberno vigués— coñeceron os detalles de parte do programa conmemorativo que inclúe dous premios literarios.

Por un lado, atópase o Premio Galaxia de Novela 75 Anos, de carácter extraordinario e que xa pechou a recepción de orixinais. A persoa gañadora vaise coñecer o 23 de abril, para coincidir co Día do Libro. Este está destinado ao público adulto. Por outra parte, lanzan tamén o I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil que se resolverá o 2 de abril.

O programa inclúe a mostra Crear porvir. Os deseños de Galicia. As tapas —con Xurxo Martínez de comisario— para o MARCO de Vigo, de outubro a xaneiro, sobre os deseños das tapas dos libros da editorial, con obra de Maside, Seoane, Mantecón, Xohán Ledo, Janeiro e a actual deseñadora Hayat Hussein.

Unha segunda mostra será Crear provir. Editorial Galaxia 1950-2025 —de Henrique Monteagudo, Malores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva— que percorrerá as cidades galegas desde febreiro. A exposición percorrerá os 75 anos de Galaxia, «a empresa editorial en galego máis lonxeva da osa historia», segundo resaltou Monteagudo este venres. «Galicia demostrou que é capaz de conservar unha empresa cultural autoxestionada». A terceira mostra será «Espazos literarios e autores ourensáns», de Patricia Arias.

Haberá espazo para o teatro —30 funcións— de A biblioteca Galáctica contra a IA fantástica, basada no texto de Carlos Labraña adaptado por Tanxarina.

Ademais, adiantaron un documental sobre a historia da editorial e unha festa conmemorativa da asemblea fundacional da editorial o 25 de xullo de 1950. Neste ano, a previsión é realizala o 6 de setembro en Compostela.

No eido da publicación, Marcos Calveiro prepara un libro para os escolares vigueses, co apoio do Concello de Vigo, fixándose na idiosincrasia da urbe olívica. Tamén haberá tres foros en Santiago, A Coruña e Vigo e a reedición de varias xoias bibliográficas do catálogo de Galaxia baixo o nome de Biblioteca Galaxia 75. Foi Dolores Vilavedra quen a presentou.

A catedrática subliñou que ela era “a única muller que pasou polo atril” no acto. De feito, as outras tres persoas foron Soutullo, Antón Vidal e Marcos Calveiro.

Resaltou que houbo mulleres que termaron da editorial tanto de xeito visible como non visible. Na foto da constitución da sociedad, catro aparecen en primeiro plano. Porén, Vilavedra criticou que as mulleres “foron invisibilizadas pola historia e o patriarcado”.

De aí que na selección da Biblioteca Galaxia 75 de reedicións incluíran unha respetable presenza de mulleres, sobre todo, en poesía cunha escolma de obras de Xohana Torres, María do Carme Krukenberg, Pura Vázquez, María Manuela Couto e Anne Marie Morris.

Promesa de «crear porvir» para a lingua e o sistema cultural do país

Asegurou no acto deste venres Xosé Manuel Soutullo que Galaxia foi e é «un proxecto de resistencia e defensa da dignidade da cultura galega», un fin que segue no centro da andaina da empresa para o presente e para o futuro. De aí, que prometeran «crear porvir» para a lingua e para o sistema cultural do país.

O colchón para amparalo por parte de Galaxia tradúcese en 3.500 títulos publicados na súa historia, a cargo de máis de 1.500 autoras e autores; e cunha revista, Grial, que cada tres meses alumea un número dende 1963, sendo unha das catro revistas culturais máis antigas de España.

Pola súa parte, Antón Vidal falou da «herdanza» de Galaxia daquela Xeración que logrou unha «excepcionalidade en Galicia e España» por impulsar un proxecto cultural-político baixo o mano dunha sociedad anónima a pesar dos «riscos» da ditadura.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents