Falece o poeta e escritor Bernardino Graña aos 92 anos

Era membro da Real Academia Galega (RAG) desde 2010, Premio da Cultura Galega e Fillo Predilecto de Cangas

Bernardino Graña, nunha homenaxe organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Colectivo Arteu en 2012 na Coruña

Bernardino Graña, nunha homenaxe organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Colectivo Arteu en 2012 na Coruña / 13 Fotos

David García

Cangas chora ao poeta do mar e do amar. O escritor e catedrático de Lingua e Literatura Bernardino Graña finou esta noite aos 92 anos de idade. O autor é unha das figuras senlleiras da cultura do Morrazo e de Galicia e no ano 2010 ingresou na Real Academia Galega (RAG), nun acto que se celebrou no Auditorio de Cangas e no que foi recibido polo entonces presidente da academia e vello amigo, Xosé Luís Méndez Ferrín. En 2021 recibiu o Premio da Cultura Galega e en 2022 o Concello de Cangas brindoulle un dos seus máximos recoñecementos ao nomealo como Fillo Predilecto da vila. Desde hai anos, debido ao seu estado de saúde, Graña residía na residencia para maiores “Stella Maris”, en Nigrán.

Bernardino Graña formou parte do consello de redacción da revista poética Alba, foi articulista en diversos xornais, entre eles FARO DE VIGO, e participou na creación en 1958 do grupo galeguista de intelectuais, artistas e escritores Brais Pinto, que se formou en Madrid. Amais foi un dos impulsores e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e foi profesor no instituto de Rodeira.

A súa obra abrangue tódolos eidos: desde a poesía, con títulos como “Profecía do mar”, “Non vexo Vigo nin Cangas” ou “Se o noso amor e os peixes”; a narrativa, con novelas como “A fuga a Exipto” ou “O neno mariñeiro”; e a literatura infantil e xuvenil, con máis dunha vintena de títulos, como “O león e paxaro rebelde”, “O gaiteiro e o Rato Pérez”, “Contra o león covarde”, “Larpancia saborosa do lobo e a raposa” ou “Tragaxoán e Tragadiño”.

Precisamente os contos populares e a figura de Rosalía foron o eixo do seu discurso de ingreso na RAG en xuño de 2010. Un discurso no que comezou falando da súa infancia e do ser galego. Un ser que comparou co mar e cos peixes. “Os galegos somos como os salmóns. Se queremos buscar as nosas augas puras e primixenias e seguirmos sendo como nós mesmos, se queremos sobrevivir, sermos fieis á nosa identidade, temos que deixar o ancho mar castelán e impulsarnos contra corrente”.

Tracking Pixel Contents