Entrevista | Charo Bailerón Sóñora Tradutora e asesora lingüistica

«Se hai oferta de libros en galego, hai demanda de libros en galego»

Esta lingüista, que se dedica fundamentalmente á tradución e á asesoría lingüística, é minuciosa no seu traballo para axustar o texto galego ao sentido que lle puxo o autor do libro, pero ela achácallo, humilde, ao seu inmenso amor pola nosa lingua materna, na que aprendeu a falar. Acaba de traducir ‘Invisible’ (Hércules de Ediciones), de Eloy Moreno, un ‘best-séller’ que xa ten serie en Disney+

Charo Baleirón posa co último libro que traduciu. |  Antonio Hernández

Charo Baleirón posa co último libro que traduciu. | Antonio Hernández

Charo Barba

É vostede a responsable de traducir ao galego Invisible, un libro que se converteu en best-séller, traducido xa a varios idiomas e do que se estreou unha serie hai pouco en Disney + con moito éxito. Pesa moito esa responsabilidade?

Pesa, e moito. Antes de nada, quero dicir que me sinto moi honrada por poder traducir a Eloy Moreno e que lle agradezo á editora, Laura Rodríguez, que me confiase este traballo tan especial. Dito isto, toda tradución implica certo grao de servidume e de prudencia; en moitos casos, tamén certo grao de grandeza e, sempre, unha gran responsabilidade. Traducir unha obra, literaria, científico-divulgativa, xornalística… implica coñecer moi ben as dúas linguas coas que se traballa e, ademais, ter en conta de que tipo de texto se trata, realizar escollas léxicas, fraseolóxicas, estruturais… acordes coa idade do lector ou lectora ao que vai dirixido, axeitadas aos rexistros e á personalidade dos personaxes, manter os distintos niveis de interpretación que busca o autor, ás veces, traducindo non conforme á letra senón segundo o sentido… para conseguir un texto vivo, fiel ao orixinal e que manteña, como mínimo, o seu nivel de calidade. Se, aínda por riba, falas de Eloy Moreno e dun best-séller, esa responsabilidade é aínda maior.

Como se enfronta un traballo deste tipo, no que o protagonista é un neno? Custoulle moito adaptarse á súa forma de expresarse?

O meu labor como tradutora require que saiba adaptarme a todos os niveis e rexistros pero, ademais, debo dicir que neste caso concreto, xogo con vantaxe porque conto con experiencia na tradución de literatura infantil e xuvenil e porque fun unha rapaza galegofalante que sempre estiven rodeada de nenos e nenas galegofalantes polo que as opcións veñen á miña cabeza de forma natural. Só teño que optar polas que se adaptan ao que quere transmitir o autor, aos personaxes e que conecten cos potenciais lectores.

Trátase dunha historia conmovedora, chea de emocións, que toca temas sociais. Desde a súa postura de muller adulta, sentiuse identificada?

A obra trata un tema moi actual e consegue transmitir de maneira maxistral non só as emocións dos protagonistas senón tamén os porqués das súas reaccións, cales son as razón polas que acontece o que acontece e, tamén de forma implícita, solucións. Todo isto enmarcado nun contexto social e familiar que, inevitablemente, inflúe no devir da historia e dos nenos co que nos vemos identificados como individuos e como sociedade. Eu nunca vivín o acoso escolar sendo nena pero si o sufrín con familiares directos, xa adulta, e quero destacar que o papel do profesorado así como o acompañamento familiar e as amizades foron claves para atallalo e reverter a situación. Por outra parte, polo meu día a día no ámbito educativo, podo dicir que se trata dun tema prioritario para todos os centros escolares onde se dedica moito tempo e esforzo á prevención así como á súa identificación, á actualización dos protocolos, a coñecer ferramentas e recursos para abordalo... Porque, ao final, é un tema que nos afecta a todos e a todas, non só ás persoas directamente involucradas e do que, finalmente, todos somos responsables en maior ou menor medida.

A situación do galego non é boa, e aludo á última enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) e ao Consello da Cultura Galega, que acaba de alertar de que é a única lingua cooficial na que o uso entre a xente nova mingua. Ante estes datos de uso dramático entre as novas xeracións, a quen vai dirixido o libro se non falan galego?

Ben. A realidade é, evidentemente, moi complexa. Quen vai ler o libro? Hai persoas que non falan outros idiomas habitualmente pero si os len, sen problema ningún. Ese, creo eu, non é impedimento para achegarse a unha lingua e temos un exemplo moi claro en todas esas persoas que se mergullan no xaponés a través do manga, sen teren, inicialmente, nin idea deste idioma. Por outra parte, vivimos nun mundo onde temos moi claro o valor da diversidade e a necesidade de preservala. As linguas tamén son exemplo de diversidade e o libro, un ben cultural. Quero lembrar tamén que no Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros en España 2022, elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España, destácase que un dos motivos principais polos que un 34,4% das persoas entrevistadas non lía en galego era porque non existía neste idioma a edición do libro elixido. Polo tanto, se non existe oferta tampoco pode haber demanda e eu son das que pensa que con que exista un só lector ou lectora, paga a pena o esforzo. É dicir, se hai oferta de libros en galego, hai demanda de libros en galego.

Ademais de tradutora tamén realiza asesoramento lingüístico. En que consiste este traballo, porque semella que a xente non se deixa aconsellar facilmente?

O asesoramento é outra póla da mesma árbore que consiste, basicamente, en mellorar a calidade comunicativa e lingüística dos textos, tanto orais coma escritos. A min, xunto coa tradución, resúltame moi gratificante e ambas as dúas tarefas supóñenme un reto e unha aprendizaxe continuas. Son plenamente consciente das miñas eivas e dúbidas, primeiro paso para o seguinte: a aprendizaxe. Esa aprendizaxe continua é a que me permite actualizarme e buscar a máxima calidade no produto final. Isto é algo que valoran moito as persoas que solicitan os meus servizos e onda isto, tamén é fundamental manter un nivel de confianza e de diálogo construtivo coas persoas que asesoras. Cando realizas unha proposta alicerzada na reflexión, nos coñecementos, en criterios claros para propor esta opción e non outra, no respecto ao traballo que tes entre mans, e, por suposto, ao seu autor ou autora, todo vén feito.

Parece tarefa complicada. Que é o que a motiva para realizar traducións?

En xeral, creo que o labor da tradución debe estar motivado polo amor á lingua para a que se traduce. Desde a humildade e o meu inmenso amor pola miña lingua materna, na que aprendín a falar, intento facer este traballo da mellor maneira que sei e respectando sempre o autor ou autora, a súa obra e as linguas coas que traballo. Motívame moito tamén coñecer a obra doutros tradutores e tradutoras que, como dicía Saramago, fan a lingua universal, unha vocación de universalidade que está sempre presente en todas as linguas. Entre eses tradutores que me inspiran encóntranse Darío Xohán Cabana ou o nipogalego Takekazu Asaka a quen, por certo, nomearon académico de honra o ano pasado.

Coñecía xa o autor, Eloy Moreno?

Persoalmente, nin o coñecía nin o coñezo. Sei da súa traxectoria e, neste momento, levo lidas case todas as súas obras.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents