Entrevista | Guadi Galego Cantante

«Quixen lanzar o disco sen que nos atrape o algoritmo»

Guadi Galego presenta hoxe nas festas da Ascensión de Santiago o seu novo traballo.

Guadi Galego presenta hoxe nas festas da Ascensión de Santiago o seu novo traballo. / Cristina Padín

Valeria Pereiras

Santiago

Guadi Galego actúa hoxe en Santiago nun dos concertos máis agardados da Ascensión. Será a ocasión perfecta para presentar ao público a súa última aventura musical, coa que decidiu que non vai xirar polos escenarios.

Que é Pélago?

Pélago é a pel do mar. Non é o abismo nin a costa, é esa parte iluminada e sen límites da superficie mariña. Un lugar onde hai vida, luz e movemento. Xoguei con esa idea de se existe ou non a palabra (o Estraviz si que a recolle). Para min existe, e iso xa chega.

O disco está cheo de metáforas mariñas. Que significa o mar para Guadi Galego?

É un espazo moi emocional. Non hai nada que me leve máis á memoria compartida que o mar. Vivín en Cedeira ata os 19 anos. Aquilo era o meu mundo. E este disco é como unha lembranza emocional, pero non só miña: é unha memoria compartida, selectiva, subxectiva. Hai cousas que pasaron, outras que soñei, outras que non sei se aconteceron. Pero están todas.

Parece que falas con nostalxia, pero o disco é moi positivo.

Si. A xente que o escoitou dime que soa a verán. Pero non a ese verán bulicioso de Ibiza, senón a un verán do norte, tranquilo, pacífico. É coma un verán eterno.

Hai unha cousa moi curiosa: un coro, que ten moita presenza. É case unha personaxe.

Totalmente. Era moi importante para min que o coro fose unha voz protagonista. Eu crieime cantando nun coro. É parte da miña identidade e desa identidade colectiva que asocio ao meu lugar de orixe. Non quería un coro demasiado sofisticado, senón que soase a xente que canta porque quere cantar. Esa é a esencia.

O disco convida a parar, a escoitar con calma. Vai contra corrente de xeito consciente?

Pode ser. Non sei se é consciente ou suicida, pero si, é un traballo feito con tempo, coidado. É lento, íntimo, moi narrativo. Semella unha banda sonora. Non hai singles. É un todo que está pensado para escoitarse de vez.

Divídese en dúas partes...

Si. Á primeira parte chámolle Suite do Mar. Son cinco temas que poden escoitarse como un conxunto, comparten estética, textura, harmonía. A segunda parte é máis canción, máis indie acústico. A estrutura vén de como se ordena un vinilo: as dúas caras.

Por que a escolla de Bailar como tema de presentación? É o tema que pecha o disco...

Porque Bailar recolle todo o percorrido do disco. É unha canción luminosa, unha metáfora da vida. Comeza cun xogo das escondidas entre dúas nenas e remata coa madurez, pero sempre co desexo de seguir bailando, de seguir vivindo, como se poida.

O disco preséntase pero non se vai levar ao escenario.

Non. Imos facer Síntese Horizonte, pero coincide co lanzamento do disco. Despois do concerto estarei na mesa de merchandising para vendelo e asinalo. A edición física sae o 1 de xuño (hoxe). Quixen lanzalo antes que o dixital para premiar o meu público, para que puidesen escoitar a obra enteira, sen que os atrape o algoritmo. Leva un código de escoita que se activa a noite do 31 (activouse onte).

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents