Grande Amore anuncia xira por México: "Desde que empezou o grupo xa nos pasaron moitas cousas irreais"

Actuarán en novembro con tres concertos en salas de Toluca, Puebla e Cidade de México

Clara Redondo, Nuno Pico e María Grep, nunha imaxe promocional

Clara Redondo, Nuno Pico e María Grep, nunha imaxe promocional / LOC

A Coruña

O grupo galego Grande Amore, formado por Nuno Pico, Clara Redondo e María Grep, xa se acostumou a estar nos carteis de moitos festivais de todo o panorama español e agora dá un paso máis cruzando o charco e anunciando unha xira por México.

Será en novembro cando viaxen ao país de América do Norte para ofrecer tres concertos os días 13, 14 e 15 nas cidades de Toluca de Lerdo, Puebla e Cidade de México. Alí será onde poidan demostrar "un son particular entre o festeiro e o macarra cun toque humorístico e á vez existencialista que é capaz tanto de facerte bailar un finde de madrugada como de reflexionar nas túas catro paredes", tal e como describe o anuncio do concerto nas salas onde estarán.

A Nuno Pico, vocalista da banda, cando lle propuxeron ir a México non o pillou por sorpresa. "Pareceume totalmente irreal, pero desde que empezou o grupo xa nos pasaron moitas cousas irreais, aínda que non tan 'loco' coma isto. Ao final o cerebro acábase afacendo e dáche a sensación de que esa irrealidade é a realidade", declara. "Eu pra esas cousas tampouco son o máis optimista, pensaba que non ía saír", conta de cando o seu representante lle comentou que existía esta posibilidade.

Este tour realizarase coa axuda de AIE (Entidade de xestión dos Artistas Intérpretes ou Executantes da música), quen, segundo Pico, xa lles axudou a pechar datas en salas e a participar en concertos de Radio 3.

Se ben, por agora non saben o que lles pode agardar do outro lado do Atlántico. "Imos un pouco á aventura a ver que pasa. Non sabemos nada do que nos vai esperar. Imos un pouco coa idea de facer o check vital de dicir que imos tocar en México", aclara. "Aproveitaremos para ver México, que é un país ao que igual nunca iamos se non fose por ir toca", engade.

Aínda así, hai un pequeno temor na banda, que é que a gastronomía estrague algunha actuación. "Imos moi previdos polo que nos contaron amigos que os estómagos europeos non están preparados para a comida rock and roll que hai alí en canto ao nivel de picante. Teño medo a estar intestinalmente desfeito nos concertos", comenta.

Sobre o que ofrecerán nestes concertos, Nuno ten claro que vai ser unha experiencia distinta a todos os concertos en Galicia. "Aquí acrecéntase un pouco o que digo sempre de que os concertos de Grande Amore son unha excursión de fin de curso. Isto xa vai ser un Paso de Ecuador universitario en México", explica. "Non teño unhas expectativas de que imos encher estadios, pero si de que sexa ultradivertido e que será para recordar", remata.

TEMAS

Tracking Pixel Contents