Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Morre o escritor e académico Xesús Alonso Montero aos 97 anos

O filólogo, historiador e catedrático finou este xoves en Vigo

Foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017

Víctor P. Currás

Vigo

O mundo da cultura e as letras galegas está de loito. O escritor, ensaísta, filólogo, historiador e académico Xesús Alonso Montero (Vigo, 28 de novembro do 1928) faleceu este xoves na mesma cidade onde naceu hai 97 anos. O tamén profesor exerceu como presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017, sucedendo ao tamén vigués Xosé Luís Méndez Ferrín.

Hai dous anos foi elixido como Vigués Distinguido, sendo calificado por Abel Caballero como unha «figura clave e impescindible na historia de Galicia e a súa cultura». O alcalde da cidade tamén valorou que foi un «home sabio comprometido cos valores do progresismo», relatou. Hai agora un ano Montero fixo unha doazón do seu arquivo documental á Fundación Penzol. Estes traballos recollían os seus artigos, escritos e pensamentos entre 2004 e 2020

O pasado 17 de outubro recibiu unha homenaxe no IES Álvaro Cunqueiro -antigo Coia 4- da cidade onde tivo a súa praza como profesor de Lingua e Literatura nos anos 80. «Sempre fun un profesor peculiar dende que entrei non sistema», confesaba Montero nesta viaxe aos seus inicios na docencia. «Encontreime sobre todo que non sabía ser profesor; unha cousa é explicar e outra saber dirixirse aos alumnos», contaba o historiador.

Entre os galardóns do mundo editorial acadados durante a súa prolífica carreira destacan Premio Otero Pedraio (1989), Pedrón de Ouro, (1992), Premio Trasalba, Premio Antón Losada Diéguez de investigación, Premio da Cultura Galega (2019) e o Premio Laxeiro (2022). Alonso Montero destacou tamén fóra da literatura, acadando o Premio Galicia de Xornalismo (1986 e 1990), o Premio Nacional de Xornalismo Julio Camba (1988) entre outros. Foi nomeado Doutor Honoris Causa pola UNED, Fillo Predilecto de Ribadavia e Medalla de Ouro do Liceo ourensán.

NOTICIA EN AMPLIACIÓN

Tracking Pixel Contents