Óscar Losada.A CoruñaChama a atención que pasaran tantos anos desde que se creou o coxunto Crema de gaita e ata agora non decidiran, ou tiveran a ocasión, de editar a súa ópera prima. Ernesto Campos é o cerebro do grupo, autor de case todos os temas, e comenta que antes eran "un fato de amigos e agora imos un pouco máis en serio. Todos eses anos significaron un proceso de aprendizaxe do que fomos aprendendo boas leccións". É evidente que esta formación abre un novo vieiro nos camiños do folk galego, tal como vén acontecendo a miúdo nuns últimos tempos nos que se xuntaron propostas diferentes ao xa coñecido. Crema de gaita mestura os ritmos do foclore da terra aos que son populares en nacións americanas. Así aparecen ritmos como tango, bolero, bossa nova ou tumbao. Campos indica que a idea desa mestura "sempre estivo na miña cabeza porque me gusta a música latina e creo que en Galicia houbo unha receptividade boa a ese estilo, que non esquezamos conta con ligazóns evidentes por medio da emigración. En tempos, os gaiteiros debían adaptarse para realizar ritmos bailables e así soaban rumbas tocadas con ese instrumento. Quixemos realizar algo totalmente novo dentro do panorama do folk galego. A música é un símbolo de identidade dun pobo e cremos que vale todo á hora de facermos unións musicais sempre e cando se trate con respecto. Bebemos da fonte tradicional para realizar a fusión e temos claro onde estamos cando galeguizamos os ritmos americanos" Quizais sexa agora un momento propicio para editar un traballo destas características, algo que ao mellor unha década atrás sería considerado como moi estraño. "É verdade que hoxe en día estamos afeitos ás mestizaxes, pero creo que o disco sería igualmente ben recibido hai dez anos".En canto á súa participación no Festival de Ortigueira como unha das cinco bandas noveis escollidas no certame de Runas, valora a experiencia de xeito positivo. " Estivemos moi cómodos no escenario e resulta bonito constatar que as pezas gustan ao público. O único negativo foron certas premuras á hora de realizar a proba de son e algún atranco co propio son". Crema de gaita está formado por oito músicos nuns tempos nos que as bandas procuran non contar con demasiados compoñentes para poder moverse máis doadamente e que as contas económicas cadren mellor. "Un grupo reducido é máis doado para amplificar. Comezamos sendo seis, pero gústanos a formación actual". A banda mestura pezas instrumentais e cantadas. Destas últimas, sinala Campos "que son moi diferentes. Cada unha é filla da súa nai". Nalgunha letra pretenderon achegarse a temáticas pouco tratadas no noso folk, "xa que quizais se bote de menos contar outras cousas". Para rematar, cómpre comentar o detalle curioso da incorporación dun instrumento como o serrucho, a quen en Galicia se asocia á figura do músico Viascón. "É moi popular en Centroeuropa e incluso Marlene Dietrich chegou a ser unha boa intérprete".Tangalego é a ópera prima deste conxunto, "e puxémoslle ese nome porque a nosa proposta parécenos tan galega como calquera", remata Campos.