Lonxe de reforzarse neste mercado de inverno o Deportivo estase debilitando. Quedan moitos días e hai tempo para incorporar algún xogador, pero se se agarda a que remate o mes, haberá un tempo perdido importante, entre a adaptación e todo o que adoita acontecer cando chega alguén de novo a un equipo. Vendo que non chega ninguén e que Urreta xa non conta -pola sua propia autoexclusión- o equipo coruñés vai perder potencial cara a parte final da Liga, que é o que interesa. Din os achegados ao presidente que é optimista. O dirixente conta coa recuperación de Guardado, Michel e Riki. Cóntaos como tres fichaxes novas. Pero xa estaban. E Guardado ten máis problemas físicos dos que gustaría. Destes tres homes, ademáis, so Riki é dianteiro. E se o madrileño se recupera pero se manca Adrián? Hai que pensar en todas as opcións. Hai que ser previsor. Máis cando xa se empeza a descobrir o destino deses futbolistas que rematan contrato. Pensar neste ano, catar a tarta e despois decidir. Pero xa.