Houbo reconciliación. Do mal día na oficina, que diría Toshack, en Alcorcón o equipo foi quen de saldar a súa débeda cos seus seareiros. Abondaron quince minutos para que o partido estivese decidido. O mesmo que acontecera en Santo Domingo, pero ao revés, e parecido ao que sucedera no encontro no Mini Estadi, diante do Barcelona B, cando os coruñeses gañaban tamén por tres goles á media hora de xogo. Despois chegou unha hora de sufrimento, certo, algo que onte non aconteceu. Foi a primeira vitoria contundente dos deportivistas na Liga. Xa houbera outra goleada na Copa perante o Girona. Era preciso dar un golpe así sobre a mesa, impór respeto e amosar por que todos os riváis lle conceden ao Deportivo o rol de favorito principal da categoría. Ese golpe chegou no momento máis importante, porque sen chegar a ser unha final, o de onte era un partido que tiña que solventar dúbidas, cara un sentido ou outro, e os xogadores clarexaron cara onde van tirar, cara onde se espera que o fagan. Ademais, foi diante dun estadio casi cheo, que presentou un aspecto aínda mellor que en partidos anteriores. Iso que o horario era malo, en principio. Eu sei de xente que onte non foi ao campo, falo de socios, porque as catro son horas de comer e estar coa familia. Xa se laiaba de xogar as cinco, para canto máis ás catro. Pois estes amigos, e eu tamén, estábamos errados polo que amosaron todos os que decidiron acudir á cita das catro, que foron moitos. Está claro que este equipo ten gancho e dá o mesmo o horario que lle poñan que a parroquia albiazul vai respostar como está facendo até agora. Claro que o equipo ten que amosar o nivel de onte, non tanto polo resultado como polo partido, pola actitude. É o único que se lle pide.