Odía que o Deportivo estreou horario as catro para recibir ao Guadalajara fiquei abraiado porque Riazor amosou a mellor entrada do curso. É unha hora na que moita xente aínda está xantando. Pois o de onte aínda foi máis aló que o dese sábado día 1, xa que sen haber tanta xente como nese encontro perante os alcarreños, as bancadas de Riazor estaban ocupadas nalgo máis da súa metade. Onte era festa, pero hoxe hai que traballar e o que fose ao estadio non se ía deitar antes da unha da mañá. Todo sexa polo fútbol, mellor, todo sexa polo Deportivo. Esta é a única razón, a camiseta albiazul. Non hai outra cousa. Hai como unha epidemia incontrolada da que terían que sacar tallada os futbolistas. Que voten unha ollada a outros campos e vexan que aforo ocupan os seareiros doutros equipos. Sen ir máis lonxe, en Balaídos onte a mediodía, nun horario máis cómodo, había pouco máis de sete mil espectadores para ver o Celta-Valladolid; en Córdoba, nun interesante choque diante do Huesca, había menos de dez mil persoas. Tamén nun mellor horario. Un dato que convén ter moi presente. Porque máis valor ten o da afección deportivista que acompañou ao equipo nun torneo sen valor, que desbotan case todos os técnicos. Velaí os numerosos cambios que introduciron todos nas súas alineacións. Un torneo devaluado porque está dirixido a un fin, que so os grandes poidan disputar a final. Ata o de agora as eliminatorias foron a partido único, de aquí en diante van ser a dous, cos grandes xogando sempre no seu campo a volta. Din que é para que os pequenos poidan facer taquillas interesantes. Eu penso que é para que os grandes poidan xogar cómodos e ter case asegurada a clasificación no seu campo se hai un accidente fóra. É así.