A parroquia marchou onte bastante decepcionada co resultado e coa actuación do equipo. O marcador pode eclipsar o xogo que podan desenvolver os futbolistas, pero cando non é positivo a reacción vai ser de reprobación. Estamos fartos de escoitar desde que comezou o curso que a afección do Deportivo vai "un paso" por diante do equipo. Adestrador, futbolistas e dirixentes reiteraron esta frase cada semana. Xa hai tempo que os seareiros van dous pasos ou máis por diante, van camiño de ser tres despois do que se está vendo. Os xogadores están convencidos de que mereceron gañar, aínda que un veterano nestas lides, como Jesús Vázquez, xa dixo claro: "La sensación es que nos cuesta mucho ganar los partidos". Tamén pensan deste xeito os seguidores albiazuis. "Esta afición no os la merecéis" berraron durante un momento desde Maratón, e despois desde boa parte do estadio. É un aviso. A xente está co equipo. Niguén o pode dubidar, pero se as cousas non melloran vai chegar un momento que diga que xa abonda. Eu entendo que non hai que ter presa, ata o de agora isto está a comezar e queda moito camiño por percorrer. Tamén entendo que o adestrador non é quen de dispór de todo o plantel para unha convocatoria, na que fallan entre seis e sete futbolistas en cada partido. Todo isto é comprensíbel, pero... Hai algo no que parece concordar todo o mundo, ata xogadores e técnicos, que o Deportivo non é capaz de cerrar os partidos e así acontece o que acontece, que rematan con sufrimento e mesmo con decepcións como a de onte. Decepción polo resultado e polo xogo. Houbo fases brillantes, pero outras que non o foron. Por iso eu discrepo de algún xogador e do técnico, penso que o empate é xusto.