Parece que é imposibel disfrutar dun partido tranquilo, mesmo en Riazor. Onte o equipo fixo todo para chegar ao minuto noventa sen abafos, con relativa comodidade, pero as concesións defensivas impiden disfrutar en plenitude dun encontro completo. E menos mal que Julio Álvarez mandou alto o penalti de que dispuxo o Numancia. Sería o empate a dous goles a falla de pouco máis de dez minutos para o remate. Que acontecería? Como se podería asimilar ese marcador nas bancadas despois de ir gañando por dous goles e desenvolvendo un xogo como para ter resolto o partido con certa amplitude? Porque todo o que o equipo fai ben no plano ofensivo queda anulado pola permisividade que concede en defensa. Porque non foi o penalti que errou Julio Álvarez, foi unha cabezada de Juanjo que sacaron entre Aranzubia e Colotto con empate sin goles; foi outra colada de Juanjo na área, entre tres defensas, para rematar so diante do porteiro rioxano, disparo que rexeitou Laure cunha perna; foi o gol do propio Juanjo, rematando coa cabeza entre tres defensas nunha acción a balón parado. Por falar das máis salientabeis. Esas situacións o que facilitan é que adversario recupere confianza e vexa que é quen de remontar, de manterse vivo nun partido que, como outros, tería que estar morto moito antes. Ese é o argumento que había onte pola rúa despois do encontro: "Pasa isto porque non matamos o partido". Certo, pero tamén é inxusto, xa que se esixe aos atacantes unha perfección que non existe, unha efectividade cen por cen, imposible. Por iso é preciso ser máis fortes defensivamente, estar máis centrados ou o que sexa. Porque unha cousa é que o rival te sorprenda nunha contra e outra deixalo chegar.