Menos mal que alguén con voz autorizada é quen de dicir o que moitos pensamos desde antes de que comezase a temporada. Foi Saúl quen nunha entrevista publicada na páxina anterior di que o Deportivo ten mellor plantel esta temporada que a pasada en Primeira. Non deixa de ser unha apreciación, pero sempre ten máis valor cando sae da boca dun profesional. Os que non concordan con esta aseveración non van mudar porque Saúl diga o que di. Teñen argumentos, que son perfectamente válidos, pero que na miña opinión non rebaten esta idea. En calquera caso, sexa polo que for, porque ten mellor plantel ou simplemente porque hai moi bos futbolistas, o equipo está amosando un nivel moi alto. Tanto que de resultados pouco hai que protestar. Quizais poida haber queixa en certas facetas do xogo, tal como recoñecen os protagonistas que non se fartan de dicir que aínda hai cousas que se poden mellorar. Se o conseguen vamos ter que ir pensando que despois de marzo a Primeira División podería estar xa coas portas abertas esperando o remate da competición para facer oficial o descenso. Marzo pode ser o mes das flores, dixo Lendoiro. Ogallá. Que sexa o que queira, pero que sirva para manter esta boa racha de resultados xa que a diferenza co terceiro pode chegar a ser máis ampla en so tres partidos. É o único que conta e o levo dicindo xa hai un tempiño. Outros teñen moita confianza, tanta que xa non ollan cara abaixo, a súa meta está cara arriba. É cara onde teñen que mirar, polo menos ata o de agora.