Rematou o tempo das palabras. Xa non se pode dicir nada máis, hai que pasar aos feitos, á acción. Non poderá ser axiña, chegou o tempo de lecer. Son dez días lonxe de A Coruña e lonxe do fútbol. Aínda que haxa quen non concorde comigo, agora mesmo o mellor que pode suceder é que os futbolistas esquezan todo o acontecido ata o de agora. Cando comece 2013 será outra historia. Haberá 2013? Se alguén le isto é que si. Senón, xa daría o mesmo todo. Ser último de Primeira División, ser un equipo que non ofrece nada, ser un equipo plano, un equipo que ten detrás a milleiros de seareiros, como ningún outro en proporción, pero que pode quedar sen nada. Hai quen afirma que hai que estar nas boas e nas malas. É xente miúda. Porque hai moitos que lembran as malas de verdade, as de Terceira División e, por suposto, as de Segunda División B. Hai moito, pero para algún parece onte. Será porque por esta terra somos así, pero onte había quen lembraba aqueles anos, que parecen do plistoceno e, porén, están na cabeza de moita, moita xente que é fiel a Riazor. Non quero ser agoireiro, non quero ser negativo, pero do partido de onte non son quen de extraer algo positivo. Non teño nada nas miñas notas, non vexo nada cando rebobino as imaxes na miña cabeza. Non veño nin sequera que o Espanyol fose un equipo de fútbol. - gañou por dous. Perdeu o Deportivo por dous goles diante dun adversario sen peso. Se o que venceu non é nada, que nos queda dos nosos? Prefiro non responder, porque a resposta sería bastante mala. Que colla todo o mundo vacacións, que se osixene e que volten todos con outra idea. Se hai.