Fillos de Breogán xa entrou na historia do fútbol gaélico hai cinco anos sendo o primeiro equipo galego que practicou este deporte. Mañá terá unha nova oportunidade para que o seu nome se escoite en todo o país, pode gañar o Campionato Ibérico. Irmandinhos da Estrada, Madrid Harps e o anfitrión Valencia Sant Vicent son os outros tres equipos con opcións de conquistar o título nacional. E dous deles -Irmandinhos e Valencia- comparten grupo cos herculinos.

"É a primeira vez que ocorre isto, que chegamos ao final cunha clasificación moi axustada e que nós temos a posibilidad de gañar", explica Pedro Villarino, xogador e coordinador da comunicación dos Fillos. Na competición -de dez da mañá até as oito- participan tamén Braithreachas da Estrada, Barcelona, Pontevedra e o filial do Valencia. Sabe que non será sinxelo, pero o equipo está motivado. "Fomos os campións do pasado torneo, agora imos polo título".

Sería o primeiro para o grupo adestrado por Sebastián Zapata. "Moitos equipos están formados por irlandeses así que demostraría que podemos gañar a calquera. Se chegamos a ese nivel é incríbel", comenta Villarino, quen cre que esta conquista "sería un salto de calidade para o clube".

Non só iso. Fillos de Breogán podería "captar máis xente e expandir o fútbol gaélico que é o obxectivo principal". "No último ano o deporte creceu, grazas á participación nos Xogos Mundiais en Abu Dabi. Eu véxoo polas redes sociais, preguntan cando xogamos e adestramos. Hai un interese", analiza o xogador coruñés, que conta que a nivel galego "hai cada vez máis clubes".

Tamén as rapazas terán parte de protagonismo nesta proba. Aínda que sen opcións de ser primeiras na clasificación xeral, Fillas de Breogán loitarán por sumar o seu primeiro título impoñéndose no torneo. Irmandinhas, Madrid Harppetes, Valencia e Madrid O'Donells serán os seus rivais mañá sobre o céspede.

A tempada dos Fillos, sen embargo, non finaliza na quinta e última xornada que se celebra en Valencia. O 20 de xuño xogará a Copa Galicia en Santiago de Compostela. "Desexamos facer un bo papel. E digo máis, esperamos gañar", confesa Villarino. O ano pasado, o equipo herculino quedou ás portas do éxito pois perdou na final contra os santiagueses de Estrela Vermelha. "A nivel competitivo estamos igual que o resto de equipos galegos así que podemos levarnos a copa".

Nos plans do clube da Coruña entra tamén a participación en campamentos con rapaces no verán. "Queremos levar o fútbol gaélico a todos". Nese apartado, o Fillos de Breogán xa é o gañador.