O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou onte as dúas competicións deportivas de judo que a cidade da Coruña acollerá nos vindeiros días, como son a Copa de Europa júnior e o Trofeo Miguelito, "nun mes de intensa actividade judoka" -apuntou o edil-. Sande estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, así como do vicepresidente da entidade autonómica e máximo responsable do comité organizador do torneo coruñés Eduardo Galán.

Esta fin de semana, o Coliseum será a sede da Copa de Europa de Judo XX Gran Premio Internacional Teresa Herrera, unha cita que reunirá a 385 deportistas procedentes de 25 estados diferentes. A competición, que contará con 42 galegos, sendo 18 da Coruña. Por outra banda, o Trofeo Miguelito cumpre trinta anos e celebrarase no Coliseum o día 25.