Alfonso Hermida será o mestre de cerimonias da Gala do Deporte da Coruña e a súa Comarca do próximo mércores no Teatro Rosalía. Ninguén mellor que este xornalista da Televisión de Galicia cunha traxectoria sempre vinculada ao deporte que bendí a iniciativa de LA OPINIÓN e o Concello.

- Era moi necesaria unha gala e uns premios de deportes na cidade da Coruña?

-Moi necesario porque ademais existe noutras cidades, non sei como aquí non o fixemos antes, porque ademais existe unha enorme canteira de deportistas e vívese moito o deporte. Era moi necesario e teño que agradecer a LA OPINIÓN por dar este paso, de atreverse a organizar algo tan importante e con espíritu de continuidade; e tamén teño que agradecer que conten conmigo para ser o mestre de cerimonias nesta primeira edición. Para min é unha enorme satisfacción estar aí. Entre todos temos que poñer o noso gran de area para que haxa moitas máis edicións.

- A vinculación de Alfonso Hermida co mundo do deporte é de sempre?

-Si, tíveno claro dende o principio. Agora estou en informativos e case de casualidade. Incluso cando empecei en deportes e insistían que tiña que facer informativos, eu recelaba dese cambio e tiveron que insistir moito para que compaxinara informativos con deportes tanto na radio como na televisión. Estou convencido de que volverei algún día a deportes porque o meu é pura vocación e un sempre volve as vocacións que ten dende neno. O deporte e a información sempre me gustaron. Son un privilexiado por poder mesturar as dúas cousas.

- En tantos anos, cal é a historia que máis lle gustou contar?

-É difícil escoller. Dende o punto de vista profesional vivir o título de Liga do Deportivo foi un momento moi especial. Todos sabemos a repercusión que ten o fútbol, era a primeira vez, un equipo que ata entón nunca contara entre os favoritos... pero se encima tes a sorte, o privilexio, de poder contalo en televisión... aquela noita foi espectacular. Empezamos e non sabiamos o que ía a pasar e terminamos oito ou nove horas despois recibindo correos electrónicos de galegos que nos decían que era o día máis feliz da súa vida. Lembro estar en plató e adicarme soamente a ler correos e emocionarme con cada un deles. Pero un pódese emocionar tamén con calquera historia de calquera deportista non recoñecido que se senta diante de ti e che conta todo o que fai.

- E cal é a noticia que lle queda por dar?

-Gustaríame vivir un Xogos Olímpicos dende dentro. Por unha parte si e por outra non, porque dende dentro non tes a capacidade que tes dende a casa. Pasan tantas cousas ao mesmo tempo nuns Xogos Olímpicos que é un gustazo velo dende a casa, agora que ademais se poden seguir tantos deportes á vez. O que tamén me gustaría contar é que se recoñecen por fin os méritos de todos os deportistas sen distinción do seu deporte, que por fin están igualados no tratamento informativo, na repercusión mediática e social todos os deportes. Non é necesario darlle unha columna ou un minuto de radio ao resfriado dun futbolista e esperar días para falar da preparación dun campeonato importante dun deportista doutro deporte.

- De todos os deportes e de todas as categorías, feminina e masculina.

-Evidentemente. É outra das asignaturas pendentes que temos non só no deporte senón na sociedade en xeral. Avanzamos pouco a pouco pero costa, incluso dentro do xornalismo costa igualar mulleres con homes e igualar deportes. Pero xa non é o de fai vinte anos, que era todo fútbol. Agora vanse conseguindo pequenos logros.

- É un activista defensor de moitos outros dereitos, parécelle mentira que chegáramos ao século XXI con tantos lastres?

-Non é o mesmo que hai trinta anos. A sociedade e o xornalismo cambiaron moitísimo. Supoño que é necesario seguir aí, dando un pouco o coñazo con estas cousas. Claro que nos gustaría que fose máis e mellor, pero hai que recoñecer os pasos que se van dando, a implicación da sociedade e a súa comprensión de que hai outras realidades que as que podemos ver no noso entorno e nos grandes medios de comunicación. Pero si, aínda queda moito.

- Falaba antes dos Xogos Olímpicos. Nos de Río daba a impresión de que non durmía, sempe activo nas redes sociais informando dos resultados dos deportistas galegos e españois. Cada catro anos colga o cartel de non molestar e adícase a ver todo o deporte que pode?

-Cada catro anos os meus compañeiros saben que durante 15 días non poden coller vacacións porque a prioridade é miña. É algo que fago con tanto gusto... non é que me reclúa na casa, é que estou esperando que chegue ese momento. Dame igual todo, adapto o meu horario á cidade onde se celebran os Xogos Olímpicos e se teño que durmir de día, durmo de día; se teño que ver os deportes pola noite, tamén. En Toquio vai ser máis difícil que Río, pero o gustazo é tal que non o considero un sacrificio.

- Atrévese a adiviñar o número de medallas galegas en Tokio 2020?

-Vai a dar todo tantas voltas... non sabemos se vai haber algún deportista galego, supoño que si. Dende Javi Gómez Noya, que imaxino que o ano que vén volverá á distancia olímpica; Támara Echegoyen, que pronto saberemos se volve ao proxecto olímpico, haberá xente nas seleccións... afortunadamente o deporte galego, como o deporte español, é moi variado e desfrutamos de deportistas que teñen opcións primeiro de estar, que xa é importante, e despois de conseguir unha medalla. A tanto tempo vista é moi complicado adiviñar. Os Xogos Olímpicos hai que seguilos día a día. Son catro anos nos que a vida dun deportista pode cambiar tanto... algúns caen como Javi (Gómez Noya) e outros implosionan cando non contabas con eles.

- A próxima semana arranca o Mundial. Recluirase como nos Xogos e participará activamente nas redes?

-É momento de reclusión e vacacións. Pero o Mundial dura un mes, non só quince días como os Xogos Olímpicos. Vai haber momento de reclusión pero vou a esperar a oitavos de final ou un pouquiño antes. Encántame o fútbol, é o meu deporte favorito, pero non me gusta participar tanto no ruido mediático que hai entorno ao fútbol. Intento manterme afastado. Hai suficiente cos compañeiros e a afición como para contribuir con máis. Non fai falta un chío para saber o que pasa no fútbol pero desgraciadamente si noutros deportes, en plan aviso, está pasando esto cun deportista noso e ninguén o sabe. Gústame contribuír a través das redes sociais con esto.

- O xornalismo deportivo é ao xornalismo o que os deportes minoritarios ao fútbol?

-Cando empecei era evidente a marxinación, incluso se non valías para outra cousa ías para deportes. Agora non ocorre eso. Agora somos nós os verdugos da mala imaxe do xornalismo deportivo. Somos vítimas de nós mesmos e da pouca seriedade que ás veces hai, dos circos mediáticos que ás veces se montan ao redor dos deportes. Son excepcións, pero son moi ruidosas. Hai grandísimos profesionais e un extraordinario nivel entre os compañeiros que fan información deportiva, pero os que máis ruído fan, os más mediáticos, son os que fan ruído e ao final é o que queda para todos.