Nada hai máis humano que o deporte. Porque o xogo é, como a arte, finalidade sen fin. Un conxunto de regras nas que verter a nosa paixón, nas que atopármonos cos outros, e recoñecernos neles. Nada nos obriga a correr tras unha pelota, a ser máis rápidas, máis solidarias: o premio é a satisfacción de sentirnos vivas e vivos. A alegría de compartir un obxectivo que nada ten que ver coa nosa supervivencia natural, senón co noso gozo. Iso é o deporte base: gozar do xogo. Do que nos fai seres humanos.

É un pracer para o Concello da Coruña colaborar abertamente cunha iniciativa simbólica que pon de manifesto a certeira aposta dunha cidade, e da súa área metropolitana, polo seu tecido deportivo. Esta tarde celebramos o fin dunha eiva histórica. Hoxe manifestamos, con convicción, de xeito público e notorio, o agradecemento a ducias clubs de base e a centos de veciños e veciñas, cuxo esforzo fai posible a boa saúde das nosas escolas e entidades deportivas.

Hoxe recoñecemos que A Coruña avanza decididamente cara á igualdade a través do deporte. A proba máis evidente vémola coas nosas finalistas, pero tamén nos numerosos éxitos individuais e colectivos dos últimos meses. Desde a permanencia do Liceo Feminino na OK Liga, até a celebración da fase de ascenso a Liga Feminina 2 promovida polo Club Maristas, pasando polas vitorias en campionatos de clubs como o Volley Zalaeta, o Santiago Apóstol, Fillas de Breogán, Maxia ou o Depor, pero tamén co alto nivel amosado polas xogadoras do CRAT, Viaxes Amarelle e tantos outros equipos. Éxitos que nos lembran que A Coruña é unha cidade con nome de muller, e o deporte feminino é o seu mascarón de proa.

Hoxe celebramos tamén un longo percorrido en común. Un camiño que nace marcado polas iniciativas dos clubs e escolas deportivas. Con trofeos que nacen, ou suman varias décadas. Propostas que creceron dunha sociedade autónoma e comprometida, á que o seu concello debe apoiar e acompañar. O rumbo que mantemos dende o Goberno da Coruña sobre as iniciativas no deporte de base vira cara a ese obxectivo. Este ano é o primeiro no que as entidades deportivas da cidade están exentas de pagar taxas polo uso das instalacións públicas, tanto para adestramentos como para competicións deportivas federadas. Porque facer cidade é tamén facilitar o acceso ao deporte e non poñer freos que dificulten este tipo de iniciativas cidadás. Ademais, introduciuse a opción de que os clubs poidan cobrar entrada para os seus encontros, nun intento de habilitar unha vía máis de financiamento para as entidades que así o desexen.

Tampouco queremos que esta cidade perda o dinamismo que lle insuflan as entidades deportivas, queremos máis trofeos de base, máis clubs e máis asociacións que poidan realizar o seu traballo co menor número de atrancos posibles. O Concello convoca cada ano axudas económicas para fomentar a práctica deportiva, para que as rapazas e rapaces poidan participar en competicións, para que o deporte chegue a todos os sectores sociais, para axudar a que os deportes tradicionais ou aqueles que teñen vínculos coa natureza poidan reclamar o seu lugar. Queremos un ecosistema deportivo rico e variado, que sexa reflexo da nosa cidade, ao que todas e todos poidan acceder, en igualdade de oportunidades, porque non hai experiencia e educación máis igualitaria que a que imprime unha práctica deportiva ben entendida. E por iso tamén impulsamos o programa Deporte Solidario e Inclusivo, ao que este 2018 destinamos, a través da Fundación Emalcsa, 250.000 euros para colaborar coa posta en marcha de proxectos, con 29 entidades da cidade, que favorezan a inclusión social de colectivos desfavorecidos ou con diversidade.

Como Concello somos conscientes de que ademais de acompañar e apoiar, temos como responsabilidade fomentar e facilitar os medios para a súa práctica como maneira de asegurar que estean ao alcance de todos e de todas. Por iso colaboramos coa Universidade da Coruña, achegando o 60% do financiamento, para realizar obras nas pistas de atletismo do Campus de Elviña, co obxectivo de mellorar unhas instalacións moi necesarias para a práctica destas disciplinas na cidade, un deporte que foi esquecido inxustamente en décadas pasadas e desprazado das instalacións municipais de Riazor.

Seguimos traballando tamén para renovar, adecuar e mellorar moitas outras instalacións. Entre elas, o propio estadio de Riazor, coa rehabilitación e mellora das súas cubertas, unha actuación que rematará cunha eiva de longa traxectoria e que transformará este escenario, ateigado de imaxes e emocións históricas, nun símbolo para toda a cidadanía.

O noso compromiso é seguir acompañando, apoiando e estimulando a actividade e as entidades deportivas da Coruña. Esta primeira edición da Gala do Deporte da Coruña e a súa comarca é un bo exemplo para visibilizar o labor dos clubs do noso tecido deportivo ao longo do pasado curso. Pero tamén teremos ao longo deste 2018 outros exemplos do bo facer das entidades deportivas da cidade. É o caso dos play offs do mundial de clubs de roller derby en pista plana, que acolleremos a finais de agosto na cidade grazas ao bo facer das Brigantias, un club precursor deste deporte en Galicia. Sobre patíns chegará outro dos eventos destacados deste verán, o campionato masculino europeo de seleccións de hockey sobre patíns, que se celebrará en Riazor a mediados de xullo, e que recoñece toda unha tradición de canteira e éxitos deste deporte na cidade.

E é á canteira, a todos e todas vós, profesionais e afeccionadas, a quen quero agradecer a vosa implicación e participación nas actividades deportivas da Coruña, porque proxectades o futuro dunha cidade que queremos ser. Grazas por facer da Coruña unha cidade comprometida co deporte, con esa finalidade sen fin, con esa paixón altruísta allea a calquera recompensa que non sexa a do propio xogo. Grazas por facernos máis humanas, máis humanos.