Coa decisión tomada so queda tirar cara adiante e aproveitar o camiño que xurde libre no procura de solucións e a máis importante para min é que haxa unha persoa, ou persoas, que sexa quen de aproveitar ese baleiro que os aínda integrantes do consello de administración van deixar en xuño, segundo unha estimación que fan. Decidiron libremente marchar do mesmo xeito que no 2013 decidiron dar o paso para colocarse á fronte do clube. Terán ás súas razóns, e unha delas é o clamor de parte de Riazor o domingo pasado. Porta aberta. A quen? Ese é outro conto. Pendente dos datos que este consello saínte dea no Xunta Extraordinaria de accionistas na que renunciarán aos seus cargos, semella evidente que o que chegue atopará unha situación moito mellor que a que atoparon eles hai pouco máis de cinco anos. Todo queda na análise do que acontece no campo de fútbol e se esquece o demais. Razóns dabondo para que cada un libremente decida marchar do mesmo xeito que decidiu entrar; ou é que agora tamén hai que pedir permiso para deixar de estar? "Marcha!", din, e eu marcho. "Ei, ainda non!". Isto vén sendo o que se lle está dicindo a unha serie de persoas que entregaron máis de cinco anos da súa vida a adicar o seu tempo ao Deportivo, sen cobrar un can e eu diría que soltando cartos de máis, porque desde que eles chegaron ningún conselleiro cobra. Non sei se é o mellor momento, pero desde logo non é o pior. Todo está encamiñado para que cada profisional perciba o seu salario de aquí a que remate o curso. Pero hai máis, deste xeito aquel que queira chegar terá tempo dabondo para planificar o que será a vindeira temporada. Chegará rematando esta e con todo feito, o bo e o malo, pero terá tempo de facer ao seu xeito o que crea que ten que facer.