A Xunta de Galicia fixo públicas as novas restriccións para a práctica deportiva e a asistencia de afeccionados aos espectáculos deportivos, que inclúen ata un máximo de mil personas para recintos ao aire libre que, coma Riazor, cumpran cos requisitos detallados na normativa. O Deportivo estuda as novas medidas aprobadas para decidir se abre o estadio branquiazul para o próximo partido do equipo coruñés en casa, fronte ao Celta B, o domingo 13 (17.00 horas). Ata agora o límite era de 150 espectadores, polo que o Dépor optou por non abrir Riazor aos seus abonados para os últimos dous encontros, ante Coruxo e Racing de Ferrol.

Segundo detalla a Xunta, os eventos deportivos “poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 metros nas catro direccións entre os asistentes, salvo que se trate de persoas conviventes, cun límite máximo de 500 persoas para lugares pechados e de mil persoas se se trata de actividades ao aire libre”.

“Co fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea polas butacas, e haberá unha planificación axeitada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente”, expón a Xunta, que también advirte de que “deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no resto das instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física”. “O uso da máscara será obrigatorio en todo momento”, engade.

A Xunta autoriza “a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre”, que “poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico”. “No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de seis persoas de forma simultánea, sen contar, de ser o caso, o monitor”, advirte.

En canto ao deporte non federado, permítese cun máximo de seis persoas para actividades grupais, sempre que non se supere a metade da capacidade máxima permitida: “Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata seis persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade”.