Dicía eu hai unha semana que había malestas preparadas e que había alguén con gañas de volver a casa e xente con gañas de que ese alguén volvese. E querer regresar non é malo. Outro conto é como outros fan as cousas. O deste ano está morto desde a súa xénese por moitos cartos que se gastasen neste proxecto, que son moitos; naceu morto porque non había credibilidade no xefe do grupo. Si, non había confianza en Fernando Vázquez. O propio adestrador sabíao. Mantívose porque estaba seguro de ser quen de levar o Deportivo a Segunda División; mantívose porque se sentía con forzas, malia que deixou moitas no camiño por mor desa inseguridade que lle chegaba desde a praza de Pontevedra. É indiscutíbel que o xogo que amosaba o seu equipo era repudiado, non era nin xogo, pero os marcadores respaldaron durante unhas xornadas os seus plantexamentos. O marcador xoga sempre a prol dos técnicos se as cousas van ben; pero cando os resultados son negativos, a primeira cabeza que cae é a do técnico. Vázquez é responsábel da situación do equipo, claro que si porque era o adestrador, pero xa non o é dos futbolistas que chegaron, que se afastan moitísimo do que el quería propor sobre o céspede. Bos futbolistas, con boa imaxe, con traxectorias en categorías superiores; pero quizais futbolistas que non saiban meterse no lameiro que semella que é a Segunda B. Moitos cartos investidos en futbolistas que non renderon; en xogadores que veñen de volta e que semella que nunca pisaron un campo de fútbol. Futbolistas que nunca foron quen de amosar esa xerarquía que se lles supón. Nunca. Sempre xogaron conforme decidiron os rivais e decidían os partidos a base dun toque, dun remate, dun acerto. Quizais ese rendemento escaso vén dado pola escasa credibilidade cara Fernando Vázquez? Algo que sabían que existía. Non son parvos e coñecen todo o que se coce. Mesmo nalgún caso terán información de primeira man. Calquera que ande pola rúa sabe que hai semanas se está a falar de Fernando Vázquez, dos posibeis substitutos, do tempo que lle quedaba. Hai semanas que alguén sacou a língua a pacer e non ollaba en que prado o facía.