Hai xusto 40 anos A Coruña vivía o evento deportivo máis universal da súa historia. O estadio de Riazor, que viña de ser remodelado, acollía tres partidos do Mundial de fútbol de 1982, retransmitidos para todo o planeta e con participantes de tres continentes. Entre a inmensa maioría dos que nos visitaron para seguir aqueles encontros causou sensación a beleza da cidade e a súa hiperactiva vida social. Eran días complexos nos que os e as coruñesas tiñan que defender a súa identidade aberta, que volveu quedar plenamente demostrada durante a disputa daquel Mundial.

Discurso da alcaldesa Inés Rey na gala. | // VÍCTOR ECHAVE

Pero fíxense nun matiz. Antes cualifiquei aquel evento deportivo como o máis universal dos que aquí tiveron lugar, pero non como o máis importante. Ten explicación. Unha é que o Deporte leva mal as xerarquías. E outra que para min, como alcaldesa, calquera actividade deportiva ten a mesma relevancia.

Un partido de rugby feminino, uns rapaces xogando ao fútbol sala, os nosos maiores exercitándose na rúa ou unha carreira popular son feitos tan valiosos como un Mundial ou unha Copa de Europa. Queremos que nesta cidade poidamos gozar duns e doutros, e creo que o estamos conseguindo. Por iso tamén quixen referirme a aqueles días de 1982, porque entón non tiñamos todo.

Cómpre poñer en valor o crecemento deportivo que protagonizou a todos os niveis esta cidade. Hai catro décadas xa eramos unha potencia a nivel de deporte popular, con clubs modestos en cada barrio ou moita actividade escolar, pero estabamos sometidos á escaseza de instalacións e de servizos públicos. Tiñamos Mundial, daba pasos a Cidade Deportiva Municipal da Torre —que agora leva o nome de Arsenio Iglesias— pero as institucións viñan dun longo deserto en materia deportiva que neste tempo —sempre baixo ese modelo Coruña que impulsamos desde o Concello— fomos quen de superar, como se comproba coa lista de actividades e éxitos que esta propia Gala do Deporte festexa.

Unha cidade dinámica como a que somos non se pode entender sen Deporte, sexa nos estadios, nos pavillóns ou, no que é o noso gran feito diferencial, nas rúas. Poucas urbes no espazo territorial ao que pertencemos son por si mesmas unha instalación deportiva natural, a ceo aberto e ao carón do océano, como A Coruña.

De aí que as miñas satisfaccións como alcaldesa no eido deportivo non veñan só dos éxitos das nosas e dos nosos deportistas, que son moitos, tamén de ver cada día a persoas correndo no carril que habilitamos para esa actividade no Paseo Marítimo, e non digamos cando grazas aos programas municipais atópome con decenas de cidadáns, de todo tipo e condición, practicando diferentes actividades físicas en calquera recuncho da nosa cidade.

Compartirán comigo que ese privilexio non o teñen en moitos outros lugares. Por iso seguiremos potenciándoo, porque cando falamos de política deportiva falamos tamén de saúde, unha das nosas prioridades de Goberno.

Co pulo ao Deporte coidamos a calidade de vida da nosa cidade, á vez que alimentamos paixóns alegres e colectivas, ese necesario antídoto contra un mundo que cada vez convida máis ao sedentarismo.

Todos os deportes, todas as formas de practicalo e todos os seus niveis, desde a base ata a elite, conforman a mirada longa coa que desde o Concello da Coruña traballamos para seguir ofrecendo progresos e innovación, e así estar á altura do propio tecido deportivo da cidade. Avanzamos, tamén en inclusión e igualdade. Fitos como os éxitos das nosas mulleres —cuxo exemplo estamos difundindo polos centros educativos da súa propia man— ou a incrible resposta cidadá ás carreiras solidarias marcan un camiño que, ademais, tamén nos define como a cidade solidaria e progresista que somos.

Pero non nos conformamos. Queremos máis. Vimos de aprobar uns orzamentos nos que a partida para Deportes crece ata os once millóns de euros, un millón máis que no anterior.

Así mesmo, este ano duplicamos o número de bolsas individuais, que axudarán a impulsar a carreira de oitenta deportistas da cidade. Temos en marcha proxectos de novas instalacións, actividades e eventos de primeiro nivel.

Coido que vivimos un gran momento para o Deporte da cidade. E iso temos que agradecerllo, fundamentalmente, aos que aquí estades, a todos os e as nominadas, premiadas, homenaxeadas ou integrantes desta gran familia, da que non podo esquecer tampouco a todas as entidades deportivas e sociais que traballan cada día polo deporte na cidade e ao propio diario LA OPINIÓN que impulsa esta gala que xa chega á súa cuarta edición.

Faleilles antes de 1982, o ano do Mundial de fútbol na Coruña. Referinme ao moitísimo que creceu esta cidade en instalacións e actividades deportivas desde aquel fito de hai xusto corenta anos. Un progreso no que tivo moito que ver o Concello. E así seguirá sendo.

Pero permítanme un apunte persoal: eu nacín en 1982, xusto mentres se disputaba aquela competición. E agora teño o privilexio de poder traballar todos os días para que as nenas e os nenos que nacen hoxe poidan tamén celebrar dentro de 40 anos o moito que creceu e mellorou o Deporte na Coruña. Niso sei que estamos todos e todas. Sigamos avanzando cara o futuro.

Moitas grazas.