Boa tarde a todas e todos e noraboa ás persoas gañadoras, as que levan trofeo e as que non, mais que son merecedoras igualmente. Por fortuna vivimos nunha cidade en que o deporte é unha forma de vida. Desde pequenos, somos deportistas. Hai unha cultura deportiva de base sobre a que a cidade se mantén viva e esperta e isto fai que o nivel de esixencia nesta área sexa moi alto porque son tantas as especialidades en que as nosas e os nosos destacan que é complicado saber cales deben ser as prioridades.

Desde a halterofilia e o judo até o hóckey onde estamos arrasando... neste ano e medio que levamos no Concello, o deporte coruñés deunos momentos moi emocionantes. Estamos seguros de que igual que despuntamos noutras especialidades, canto ao Deportivo se refire, vannos ver volver, como di a canción. Puxeron en risco a nosa saúde e a do noso equipo e hoxe estamos sufrindo as consecuencias daquilo, pero demostraremos unha vez máis que estamos por riba de todas as circunstancias. Somos e seremos sempre de Primeira. Proba disto son as 22.000 socias e socios deportivistas coas que escribimos un novo récord na Segunda B; un dato, sen dúbida, moi revelador.

Quero agradecerlle a LA OPINIÓN o gran labor que realiza todos os anos por valorar a traxectoria e o esforzo das e dos deportistas coruñeses. Nesta festa do deporte confírmase que A Coruña é un gran pavillón, un contedor de moitas especialidades. A Coruña móvese e móvese de distintos xeitos.

Non todo vai ser fútbol, dicía Arsenio e é verdade. Esta gala dálles visibilidade a deportes non tan coñecidos e a nomes que non saen nas portadas dos xornais mais son referentes. Somos conscientes da calidade das e dos que hoxe soben a recoller premio e do resto da comunidade que vive e ama o deporte na cidade, xa sexa en categorías profesionais como afeccionadas e afeccionados, pequenos e maiores que non titubean e baixan a correr ou collen a bici.

Canto á xente profesional, non deixo de estar impresionada ante os logros que se conseguen cada fin de semana. Do outro, da cidade que se move e fai deporte non hai máis que saír ao paseo e ver a cantidade de persoas que utilizan os novos carrís ou baixan á area. Falta unha parte importante desta estrutura, como é a afección en estado puro, sen limitacións, pero sei que volveremos ás bancadas con máis forza ca nunca porque practicamos e tamén gozamos moito vendo deporte. Pero queremos que todos sexan vistos e aplaudidos e, por esta razón, este tipo de eventos son moi necesarios. Debemos dar a coñecer a todas e todos estes heroes e heroínas que se adestran a diario e debemos fomentar a práctica deportiva, que nos pon en órbita física e mentalmente.

Desde o Concello temos claro que o deporte é e será sempre unha prioridade. Démoslle unha única concellería desde a que resolvemos proxectos atrancados como o complexo do Castrillón que botará a andar o ano que vén ou o campo de fútbol de Eirís. Acabamos de concederlles 65 bolsas ás nosas promesas, cinco delas axudaranlles ás súas persoas beneficiarias a se prepararen para os xogos de Toquio. Neste punto, aumentamos a partida para elas porque cremos que é fundamental motivalas. Facermos canteira.

E nese propósito, o orzamento municipal para esta área foi de 9,7 millóns de euros, dos que 1,8 millóns foron para rehabilitar instalacións deportivas. Neste punto, non deixarei de erguer a miña voz para que desde a Xunta se acorden de nós. Somos o 10% da poboación galega. Non pode ser que un 8,64% dos máis dos seis millóns que destina o Goberno autonómico a manter ou construír recintos deportivos veña para toda a provincia. Fagan as contas.

Pola nosa parte, trataremos de paliar este déficit con novos esforzos orzamentarios en 2021. A Coruña non quedará atrás. Goza dunha excelente saúde deportiva e ímola soster.

Permítanme que hoxe destaque de entre todas e todos os premiados a unha muller, Ángeles Barreiro. Ela foi a primeira olímpica coruñesa nos xogos de Barcelona. Ela saíu dese berce de lanzadoras e lanzadores que meceu Raimundo Fernández para mandar o seu disco 60 metros e 54 centímetros máis aló do seu brazo. Terían que pasar 21 anos máis para que esta plusmarca se superase. Eles dous, tiña que ser así, recibiron hoxe o recoñecemento por tanto. Son un exemplo do que dicía antes. Non se ven, pero están. Saen a parques e a praias a se prepararen. Non hai escusas. O deporte lévaos a se superaren todos os días e cando un bota a vista atrás e suma todos os seus trofeos e campionatos dáse de conta de que son máis grandes aínda por facelo na sombra, sen o aplauso que noutros deportes estaría asegurado. Mais todo o atletismo sabe de Raimundo e de Ángeles e das moitas Ángeles que manteñen vivo este deporte e todos os deportes que axitan e moven A Coruña.

Grazas a todas e todos eles por facérmonos vibrar e contaxiármonos da vosa paixón. Parabéns ás persoas galardoadas e moita sorte nas distintas competicións!