VII Gala do Deporte e a súa Comarca

O deporte hai que celebralo sempre

Inés Rey, no momento do seu discurso para pechar a VII Gala do Deporte da Coruña e a súa comarca no Ágora.

Inés Rey, no momento do seu discurso para pechar a VII Gala do Deporte da Coruña e a súa comarca no Ágora. / Carlos Pardellas

Inés Rey | Alcaldesa da Coruña

Celebramos, un ano máis, os éxitos, que non foron poucos, do deporte coruñés da man de LA OPINIÓN.

Todas as persoas que estades aquí, as premiadas, as nomeadas, as entidades, os clubs, formades parte dunha mestura de conceptos como a saúde, os valores, o sacrificio, a entrega ou a identidade. Esa mestura da como resultado o deporte coruñés, do que desde o Concello nos sentimos profundamente orgullosos.

O deporte hai que celebralo sempre. Xa fose un ano malo, regular ou moi bo, o simple feito de practicalo e dar o máximo en cada adestramento ou cada partido ou competición xa é un éxito. Iso é algo que hai que ter moi claro, pois hoxe non celebramos só aos gañadores e gañadoras. Celebramos o éxito que representa por si só o deporte coruñés.

Eu sempre digo que A Coruña é deporte. Non se entende a nosa cidade sen o deporte. Non se entende sen os goles do Dépor, do Atlético Montañeros, as canastras do Básquet Coruña, do Maristas ou os tantos do Liceo ou o Dominicos. Non se entende sen unha carreira popular un domingo pola mañá, coma a dos Rosales desta mesma semana.

Xornadas así reconcíliannos coa actividade deportiva a calquera nivel, porque na Coruña temos un tecido que vai da élite á base e que merece contar con actos que o poñan en valor e que, ademais, sirvan de exemplo.

Xuntámonos hoxe para distinguir iniciativas, asociacións e deportistas que significan moito para a cidade. E que reunidos devolven a práctica deportiva á súa esencia. Defender o deporte significa vivilo como o que realmente é, unha escola de vida, un antídoto a resignación e ao sedentarismo, polo tanto, un piar da sociedade. Sei que aquí todos e todas compartides esta idea.

Este ano estamos a vivir momentos de moita emoción a todos os niveis. Tanto é así, que seguro que me esquezo dalgún destes fitos. Vivimos un ano histórico para a cidade co Básquet Coruña, que espero que pronto volva a ilusionarnos cun novo ascenso á ACB. Vivimos a salvación do Depor, do masculino e do feminino. Estamos a vivir un novo ano sobresaínte do Liceo, que onte (polo martes) certificou o seu pase á semifinal de liga. Tamén o OAR, o 5 Coruña, Fillas de Breogán, Maristas, CRAT, e outras moitas entidades fixéronnos vibrar.

Tampouco me quero esquecer de todos e todas as deportistas que levaron a bandeira da Coruña polo mundo. Falo de Julia Benedetti, Jacobo Garrido, María Sanjurjo, Enmanuel Reyes ou Damián Ramos. Os seus éxitos son os da cidade.

A calidade deportiva da cidade mídese tamén na súa pluralidade, que acabamos de comprobar cun feixe de nomes de distintas idades, sexos e disciplinas, pero cun eixe en común: o de levar alí onde están o orgullo de ser coruñés ou coruñesa, de pertencer a unha urbe que coida e gratifica aos seus representantes, que entende a súa trascendencia, que é moita.

O deporte coruñés forma unha gran familia que vai alén dos propios deportistas, que integra tamén a clubs, institucións ou patrocinadores. E como vimos hoxe, supón unha fantástica ferramenta de integración.

Desde o Concello da Coruña seguimos dando pasos para que o noso deporte chegue o máis arriba posible. Por iso, cada ano destinamos máis de dous millóns de euros en achegas directas a deportistas e entidades co obxectivo de que leven a marca Coruña ás grandes competicións nas que todos eles participan.

Tamén seguimos mellorando e coidando a nosa envexable rede de instalacións deportivas. Por iso, moi pronto estará en marcha un Plan Director de mellora destes espazos no que contaremos co apoio e as suxestións de deportistas, veciños e entidades. O noso obxectivo final como administración ten que ser o de mellorar a vida de todas as persoas. Por iso, estamos creando nos barrios novos equipamentos deportivos, como as futuras pistas multideporte dos Rosales e da Urbanización Breogán.

Seguiremos traballando para sacar o mellor de vós, pero estou segura de que vós tamén seguiredes levando a bandeira desta cidade alá onde vaiades.

Remato agradecendo a LA OPINIÓN o traballo que leva a cabo, día a día, a prol do deporte coruñés. Grazas a Carlos, Xane, Daniel ou Sara por contarnos tantas historias sobre o deporte coruñés nas vosas páxinas. Grazas tamén a Vanessa, Carlos, Iago ou Germán por retratar a todos eses deportistas da nosa cidade.

O deporte coruñés sempre dá momentos de efervescente ledicia, e alí sempre hai un xornalista de LA OPINIÓN para contalo.

*Discurso pronunciado pola alcaldesa Inés Rey na Gala do Deporte da Coruña o mércores 28

Tracking Pixel Contents