. se ruxe ruxe que un leva dentro desde hai uns días está a afectar de xeito distinto a cada un dos seareiros deportivistas que desexan atoparse xa nas dez da noite para poder estoupar. Polas rúas percibo optimismo, aínda que esa forma de ser dos galegos fai que algún... sexa cauto, pero en xeral a xente está convencida de que hoxe é o día. Unha xornada de festa que podía ter principado desde o abrente, e que algún espelido desde a Corte decidiu que non era conveniente por mor da seguridade. Que saberán a kilómetros de distancia do que pode acontecer por aquí; que saberán, malia que deberían sabelo, do comportamento dos seareiros do Deportivo, do deportivismo: Seica non foi premiada esta afección co galardón que a distingue como a mellor do fútbol español? Que van saber na Corte. Todo porque o partido, segundo estes paisanos do Comité Antiviolencia, foi declarado de alto risco. Ou sexa que os centos de deportivistas que estiveron no Alcoraz compartindo alegría e cantos cos seareiros oscenses van andar agora a paos entre eles, porque non creo que o equipo de Quique Hernández veña acompañado a un partido de trámite como é este para os azulgranas. Partido de alto risco. Esa é a razón pola que o deportivismo non pode ateigar as rúas que rodean os estadio con chiringuitos para repartir carne, bebidas, para prepararse para a festa de verdade que supón un partido de fútbol. Un partido, este, de alto risco. Iso decidiron os mesmos que pasaron por alto neste sentido o derbi de Balaídos. A última hora alguén lles debeu dicir o que supuña un Celta-Deportivo e foi cando si, tamén o declararon de alto risco practicamente na véspera. Iso pasa cando as cousas se deciden desde a Corte. En realidade, onde deberían estar de verdade era nunha corte das vacas. Ben pechados para que deixen de amolar. Non o van facer, pero o luns deberían ollar o que aconteceu neste curruncho da Península, como se fan as festas malia que eles as boicoteen. Porque vai haber.