Case un ano enteiro cunha mochila no lombo, que non puido soltar ata consumir 41 das 42 etapas que estaban marcadas no roteiro do Deportivo no seu percorrido cara Primeira deberon deixar unha boa marca nas costas e, sobre todo, na mente de José Luis Oltra, o adestrador do Deportivo. Na pasada temporada só un resultado válido: o ascenso. Estaba obrigado. Tiña tres posibilidades de acadalo cos seus xogadores, e o fixo da mellor maneira posíbel, aínda que afastando un chisco o desenlace final. Había que ascender si ou si. O futuro da entidade dependía en grande parte de que o Voltaremos se convertise nun Xa estamos de volta. Sabíao o adestrador, e os futbolistas. Como tamén saben que agora teñen que rematar con tres equipos por baixo deles. É outra necesidade. Non sei se tan urxente como a da temporada anterior, pero é o seu traballo. Alén deste primeiro paso, que é o que se marca Oltra e do que falan todos os futbolistas, están outro retos para os que o equipo que acadou Lendoiro pode estar preparado. Dise na rúa. Lóxico, quen lle pode cortar as asas á ilusión? Ninguén, agás certos gobernantes na actualidade, porque ilusionarse é un xeito de vida. Unha forma de tirar cara adiante, pero é ben certo que con ilusión só non se anda camiño. Eu penso como moitos, que hai equipo, pero abóndame con ir amodo. Por iso penso, so faltan 39.