Opositivo da xornada é que o Deportivo está fóra dos postos de descenso. Xa podía rematar a Liga. O obxectivo é deixar a tres equipos por debaixo, segundo ven dicindo José Luis Oltra desde antes de que comezase a temporada. Xa hai tres. Que remate isto dunha vez. Ah! estamos en novembro e ata xuño hai que seguir. Mágoa. Tamén é salientábel o debut de Insua. Todo un papelón para o rapaz que se tivo que atopar con Fernando Llorente así de súpeto. - saíu ben parado. Había quen dicía que se é campión de Europa ten que ser quen de xogar en Primeira. Sen dúbida, diría eu, pero non para converterse na solución dos problemas que ten o equipo. Xogou porque xa non había máis, alén das súas condicións, que son moitas e boas, pero noutra situación Insua estaría xogando co Fabril. O que lle hai que pedir desde fóra é que sexa el mesmo, que faga o que o convirte nunha peza fixa nas seleccións españolas das categorías de base. Iso será o que o poda converter tamén nun fixo do primeiro equipo albiazul. Dise que será no futuro, pero para el o futuro xa é hoxe. Tal como andan as cousas na defensa nestes días, o domingo vaille tocar xogar outra vez. Milagres non hai, e no Deportivo menos. - se alguén é quen de facelos, que se centre no aspecto institucional. No eido deportivo aínda hai tempo. Por iso, o bo sería que Insua se centrase, pensase que chegou ata onde quería facelo e de aquí en diante vai depender del que todo marche como el quere. Non depende todo, pero si unha boa parte. O futuro chegou para el. Que saiba que é presente, tamén.