O domingo celébrase o 13º aniversario do título de Liga que o Deportivo acadou precisamente perante o Espanyol. Foi un 19 de maio de 2000. No derradeiro partido desa tempada. Donato e Makaay amañaron cedo o encontro e asinaron cos seus goles o título. Hoxe, outro 19 de maio, outra vez o equipo perico nun partido decisivo para os coruñeses, pero aínda hai máis, o do 27 de agosto de 2000, que posibilitou que o cadro albiazul acadase a súa segunda Supercopa de España ao gañar en Riazor (2-0) e despois de empatar na ida en Barcelona (0-0). O da volta, foi o encontro de presentación de Diego Tristán como futbolista deportivista diante dos seus seareiros. O sevillano deixou a súa sinatura ao marcar o segundo tanto. O primeiro fora de Djalminha.

Dous encontros diante dos españolistas que supuxeron senllos títulos no coliseo coruñés, no que nos enfrontamentos entre ambos os dous equipos o deportivista saíu vitorioso na meirande parte das veces. É o que din as estatísticas, eses números que nunca serven para nada máis que para adornar as follas de servizos e tentar rachalos, como se dicía desde Abegondo a pasada semana por mor da visita do equipo herculino a Valladolid. En Zorrilla os números reforzaron aos números. É o que se espera que aconteza o domingo en Riazor diante do conxunto catalán.

Mañá hai trece anos da celebración do título de Liga. É o partido de referencia diante do Espanyol, pero tamén o outro de tres meses despois que permitiu ao Deportivo acadar o seu cuarto título e a Diego Tristán presentarse diante dos seus novos seareiros co seu primeiro gol coma branquiazul e o seu primeiro título.