Corenta e cinco minutos sobraron onte no Anxo Carro. Os da segunda parte. Aínda que os locais tamén poderían pensar o mesmo, pera da primeira metade. Costa entender que con dous goles de vantaxe se deixe ir un partido. O Lugo empatou nunha xogada con certa polémica, pero puido ter marcado antes e mesmo despois dese segundo gol de Renella. Lux impediuno. Os adversarios chegaban desde todas partes e remataban desde dentro e desde fóra. Non daba crédito. Remates doados diante dun equipo que se gaba de ser o líder da categoría por mor do seu traballo defensivo. Hai que atopar a causa xa. No aspecto físico non terá que ser cando os resultados amosan que este equipo adoita correr máis que os rivais. Queda logo o aspecto mental. Hai inseguranza? Un equipo coma este con xente experta que aínda que con poucos anos xa pasou por outra hai dúas temporadas? - xente que tivo que vivir co que supón experimentar con dous descensos? Eu insisto en que o obxectivo está acadado. Que non vai pasar nada máis que se demore a data que poida confirmar matematicamente a volta a Primeira. Mesmo acepto que se poida perder un partido do xeito que aconteceu perante a Ponferradina. O equipo de Claudio foi mellor e boca calada. Nada máis hai que dicir. Pero onte... Que hai un rival ao que tes controlado, noqueado, a medio morrer, e que sexas ti propio o que lle deas osíxeno para que volva ter folgos... Iso si que non se poder xustificar. Con dous goles de diferenza o que hai que facer e pillar o balón, non deixarllo ao adversario. Movelo e buscar as costas. Non sei quen o dicía onte, noutros partidos foron quen de facelo e sentenciar. Neste non. Pero porque non tiveron o balón, queimáballe nos pés a todos. - dentro do que aconteceu, puido ser peor, porque os dous paradóns de Lux a Renella foron impresionantes. Nun antes do primeiro tanto do Lugo e o outro cando o partido xa estaba rematando. Se o atacante lugués é quen de marcar tamén ese gol... Non digo nada porque de feito foi quen de preparar o remate e rematar con moi boa intención. Que un punto é positivo. Sempre é bo sumar. - está ben levarse co viciño que está a noventa quilómetros, pero no campo non é lugar para os agasallos.