En certos momentos de inquedanza polo que poidan deparar os acontecementos, neste caso a resolución da Audiencia Nacional ou un acordo entre Liga e AFE, hai que recurrir ao sentido común e pensar que o partido perante o Levante se vai disputar. Xa sei que é o máis difícil de facer case sempre, iso do sentido común, pero é o que queda. A situación é para estar moito máis que asustado pero a min non me entra na cabeza que o Deportivo descenda porque non se xogue unha xornada. Paréceme imposíbel que iso aconteza polo que pode supor. Insisto no que dicía onte, o fútbol é o que é polo sentimento de millóns de seareiros. Por este sentimento estou certo de que se vai xogar. Outra cousa sería asasinar o máis forte que mantén este negocio.