Son as cabezas de turco. Os dirixentes contrátanos con total convencemento, e césanos na maioría das ocasións, desde o razoamento de que é máis doado botar a un que a varios. Durante un partido, a cota de influencia do técnico adoita ser moi baixa, todo pasa a estar nos pés/cabeza dos futbolistas que, alén de estar máis ou menos acertados individualmente, colectivamente poñen en escena a parte de maior responsabilidade do adestrador, que é o traballado da semana. Por tanto, acertar no perfil do técnico é o fundamental para o devir da tempada. Vén isto a conto, aproveitando o exemplo que ofrece este Deportivo na forma de abordar os partidos. O desenvolvemento que está a ter parece reforzar o exemplo, deixando ao tempo un recordo para aquela frase de Johan Cruyff cando dixo: "Se quero poñer un enchufe na casa, chamo un electricista". Esta fin de semana preparábamos un deses exames que deben pasar certos equipos cando visitan Campus Universitarios. O Deportivo presentouse nunha das universidades máis prestixiosas, e fíxoo co atrevemento que só outorga a confianza e saber que tes a tarefa ben preparada... o que os profesores che inculcaron. Non só está ben deseñado, tamén está ben transmitido. Aí quedou o exame? a nota é irrelevante, o importante é a sensación que deixou a formulación e a súa execución. Este Depor está ben construído dende o principio, con coherencia e pensado para funcionar sen ter que depender de individualidades, e si mediante traballos deseñados para facelo como un bloque. Disto ten unha cota altísima de responsabilidade Víctor Sánchez, capaz de que o seu equipo encare aos rivais con confianza , valentía, atrevemento e descaro responsable. Un equipo traballado. É importante asegurar a certos futbolistas, pero é vital asegurar a Víctor Sánchez.