Outro gol de Lucas, aínda que sexa de penalti. Van doce. Número importante e récord de Bebeto igualado, e digo en número de partidos seguidos marcando, que non é número de goles. Non vou entrar en comparacións por non ofender ao propio Lucas. Pero alén do de Monelos, hai outra cousa salientábel deste equipo. O doado sería zoscarlle a Luisinho, pola parvada que fixo cando xa ten un cartón amarelo, malia que eu manteño que no fútbol actual cada vez algúns saben máis das normas pero menos de que vai isto de darlle patadas a un balón. Os cartóns vermellos están para cousas graves. Non para parvadas como esta. Nin por agarrar, nin por tocar un balón coa man. Están para moito máis, pero as normas son as normas. O peor é quen manda aplicar esas regras absurdas. Alén disto, eu estou ledo do que estou a ollar cada semana. Hai sete días estaba que bailaba mesmo co 2-0 a prol do Barça polo partido que estaba a facer o Deportivo, co empate? Onte outra vez. Este é un equipo serio, que sabe a que xoga e obtén resultados. Son xa 26 e faltan nove para rematar a primeira volta. Prefiro pensar que son de letras e non sumar, xa o farei despois do partido do Bernabéu. Agora eu sigo facendo algo que agardo fagades moitos, vivir o día a día e lembrar iso que nestes días recuperou alguén, iso que dicía non sei quen "na vida hai dous días que non existen: onte e mañá". Sabedes o que di hoxe a clasificación? que o Deportivo é sexto e con certa vantaxe. Camiño de Europa? Non sei, pero anda.