O partido, intenso e moi desputado polos dous equipos cunha solvencia defensiva similar, fixo que os sistemas defensivos se impuxeran ós ofensivos.

O Deportivo presionou dun xeito moi intenso e coordinado no centro do campo do Villareal, intentando crear perigo, partindo de distancias próximas á área rival, amosándose superior durante a primeira media hora de partido. Só a partires dese momento, os visitantes igualaron as forzas intentando posesións máis longas.

Así chegou o primeiro detalle relevante do partido, un erro (non podía ser doutro xeito) nunha xogada a balón parado, propiciou o gol dos amarelos. Xogada que puido ser defendida mellor dendo o seu inicio, cando Mario se incorporou de xeito improvisado para recibir en corto un saque de esquina.

A segunda parte semellaba manter a inercia do final da primeira, cun Villareal que pretendía baixar a intensidade e eliminar a presión do Depor, a base de posesións e transicións, con accións combinatorias iniciadas dende a súa liña defensiva.

Entón apareceu o segundo detalle. Cunha lixeira presión na saída por un lateral, xurde un erro que permitiría a Lucas irse en velocidade por primeira vez e poñer un balón perfecto a Luis Alberto para conseguir o gol do empate.

A partir dese momento, pasou a tomar protagonismo o terceiro equipo. Fernández Borbalán, que xa deixara mostras leves dos seus despropósitos, faise co control do partido ó negarlle ó Deportivo dúas penas máximas que, tal e como estaba a desenvolverse o partido, lle terían dado unha victoria máis que merecida.