O consello de administración do Deportivo resolverá en breve, posiblemente esta semana, sobre o traballo de Víctor Sánchez del Amo como máximo responsábel do primeiro equipo e decidirá se fai efectivo o contrato que ten asinado co adestrador ou, polo contrario, opta por rachalo de forma unilateral. A decisión será unívoca. Todos os directivos respaldarán a decisión que adopten nunha xuntanza que aínda non ten data. Despois dos conflitos xurdidos no vestiario e que foron trasladados á opinión pública, actitude que sorprendeu moito os dirixentes, a resposta que pretende dar o consello é unidade, como cando comezaron esta travesía ao mando do club. A avaliación xa comezou, aínda que non tiveron ningunha reunión oficial.

Hai moitas cousas a prol de Víctor Sánchez, cousas que motivaron a súa fichaxe e a posterior renovación do contrato, pero tamén hai algunhas que non agradaron os conselleiros, sobre todo nos últimos días e que van máis aló dos resultados do equipo na segunda volta. Iso é o que queren valorar os dirixentes, e mesmo ter unha xuntanza co propio adestrador. A palabra como solución é o método que pretenden empregar, sabendo que tamén é tempo de actuar con contundencia para evitar que se repitan as situacións "bochornosas" da pasada semana. Tino Fernández era o principal valedor de Víctor e, segundo fontes achegadas ao presidente, segue a crer nel polos seus coñecementos e a súa capacidade, pero "os últimos acontecementos" fan que teña "dúbidas", segundo dixo na SER.

Os directivos aínda non tiveron ningunha xuntanza, pero si que manteñen contacto continuo para falar do asunto. Mesmo onte algúns dos integrantes do consello estiveron falando. O presidente quere coñecer a opinión de cada un dos seus compañeiros porque tenta que o resultado desa avaliación sexa de común acordo. E ninguén vai pór atrancos se a decisión é que Víctor continúe. A nota global deste exame va ser asinada por cada un dos membros do consello de administración. "O normal é que siga", din fontes do club. "Teñen moitas dúbidas polo que vén de pasar", comentan outras fontes sobre o que pensan os dirixentes. Por iso precisan tempo, para facer a análise en frío.

Parece que non preocupa en exceso que a decisión se puidese atrasar porque o importante é o traballo que se está a facer desde a secretaría técnica. As fichaxes chegarán en base aos criterios dos técnicos do club e do área deportiva. Segundo os xogadores que veñan será o adestrador, no caso de que decidisen traer algún novo. Porque a área deportiva que dirixe Fernando Vidal ten claro o método, o club decide sobre as fichaxes. Por iso a secretaría técnica, con Richard Barral á fronte, foise reforzando aos poucos. Todo porque deste xeito evitan situacións que se adoitan dar en moitos equipos, que fan a planificación sobre as decisións dos técnicos e se despois hai un despido e chega un novo podería ter unha idea completamente distinta. Mesmo o grupo de Víctor Sánchez del Amo ofreceu no seu momento a posibilidade de dirixir toda a área deportiva da entidade -profesionais e fútbol base-, e algunha outra posibilidade intermedia, pero o Deportivo preferiu que o adestrador madrileño so tivese responsabilidades sobre o primeiro equipo, xa que as outras áreas contan con outros responsábeis.

O labor de Víctor Sánchez nos oito partidos da pasada temporada e na primeira parte desta que vén de rematar son os argumentos principais dos seus defensores, entre eles case a totalidade do plantel. "O Deportivo é un equipo que está moi ben traballado, nótase a man do adestrador", adoitaban dicir os técnicos que analizan o equipo en La Opinión e tamén outros adestradores adversarios. A mala xestión do vestiario é o máis criticábel. Mesmo a iso referiuse onte Pletikosa na súa despedida. Pero a mensaxe non ía so cara o adestrador, tamén atinxía aos futbolistas e aos dirixentes. Nese aspecto, todos erraron, segundo o porteiro croata.