Leva tempo sendo o asunto do día a continuidade ou non de Víctor Sánchez del Amo á fronte do plantel do primeiro equipo do Deportivo. Hai opinións para todos os gustos cos argumentos máis variados.

Algo ten a auga cando a bendicen, di o refraneiro, e Víctor hai uns meses foi bendecido desde o club ofrecéndolle unha renovación que ninguén nese momento se atrevía a discutir. O estado de ánimo que produciu ter acadado o obxectivo a tempada pasada, o arranque e a marcha do equipo na súa primeira fase, e tamén a conexión do adestrador coa afección e a súa aparente implicación como deportivista, levaron ao consello de administración a tal decisión. Supoño.

E é que os estados de ánimo no ftbol, como noutroas ordes da vida, adoitan partir do corazón máis que da cabeza.

Acontece que non todo o que rodea ao club -consello de administración, responsables técnicos (se os hai), afección e prensa- ten a mesma responsabilidade decisoria, nin debe manexarse impulsado polo mesmo resorte á hora de opinar. Hai unha notable diferenza entre deixar que decida un músculo, a que o faga o cerebro. Os acontecementos que foron saíndo dan a entender unha aparente falta de autoridade por parte do técnico. E digo aparente porque estaría ben que se puidese saber si é esa a verdadeira causa do triste deambular do equipo na segunda parte da liga, así como das decisións tomadas encol da participación ou ausencias dos futbolistas nas convocatorias.

Se nos cinguimos aos obxectivos (algo evaluable a ollos de calquera), Víctor debería continuar á fronte do Deportivo, e a decisión tomada no seu momento polo consello debe ser dada por boa. Se o analizamos desde o punto de vista da xestión do vestiario, e diante desa aparente falta de autoridade, o técnico debe ser relevado das súas funcións. Neste suposto, o consello de administración debería ser suspendido e con nota baixa, por reincidente, posto que de novo actuaría con precipitación (lembremos o caso Fernando Vázquez).

É por isto que, como deportivista, me preocupa sobre todo quen e como se toman as decisións no club. Máis aló de que a solución poida estar na continuidade ou substitución de Víctor Sánchez, está en que quen sexa o responsable de tomar as decisións, o faga cun músculo ou cun órgano.

O club non está en mans dos adestradores, e si nas do consello de administración, que é quen debe deseñar e poñer en marcha a estrutura profesional adaptada a un club de futbol, coas súas ierarquías ben definidas e as ideas claras do camiño que queremos seguir. Xorden moitas preguntas relacionadas con isto, e serian longas de expoñer e responder, aínda que creo que están na cabeza de todo aquel que forme parte da contorna do club.

Que cada pau treme desa vela que debe levar o rumbo do R C Deportivo SAD.