Rubén Martínez referiuse esta mañá en Abegondo ás súas posibilidades de selo meta titular do Deportivo pese a competencia de Lux e Tyton baixo palos. "Non me plantexo non xogar, que pode ser. A miña primera idea é xogar", declarou o de Coristanco, que fará todo o posible por convencer a Gaizka Garitano. "Existe a posibilidade de que xogue eu e traballo para iso", comentou o exbarcelonista.

Na súa opinión, o Dépor está a acertar nas contratacións. "Reforzouse moi bien e ten unha base espectacular do ano pasado", afirmou Rubén, que eloxia a chegada de Florin Andone pese ós catro millóns de custo. "Igual ata sae barato e no futuro se pode vender por máis. É un gran xogador, xa o demostrou, fixo moitos goles e ogallá siga a racha". O obxectivo é a salvación pero sen renunciar a metas máis altas, "dependendo de cómo se dé". Esta tarde Rubén enfrontarase ó Racing de Ferrol, un dos seus exequipos, no cuarto amigable de pretemporada do Deportivo. Na listaxe de 21 futbolistas convocados esta tarde en A Malata non figura Luisinho, que todavía non xogou ningún amistoso.