Airregularidade e a falla de contundencia son dúas das chaves polas que o Deportivo está como e onde está. O que hai que saber é porque é tan irregular pois o outro supoño que estará no ADN de cada xogador. Son dos que penso que a fútbol non se aprende a xogar, só se perfecciona, do mesmo xeito que o carácter que temos cada un é case imposíbel mudalo. Porque un futbolista ten calidade para tocar o balón, ten capacidade para ocupar unha parte importante dun campo ou para coller todos os rexeites co mínimo esforzo? Din que con esas virtudes un nace o que se mellora é o resto. Un non dá unha patada se nunca precisou facelo, se non está afeito a morder, non agarra porque a súa formación foi doada, non? non? Estou certo de que este plantel ten moita calidade, por iso nesta temporada ollamos bos partidos, pero co que me quedo é que ollamos por riba de todo moi bos cachos de partidos, e con iso non abonda porque enfronte hai outros once que queren o mesmo que ti e posiblemente teñan outras armas que ti non sabes empregar. Foi o que fixo o Leganés o sábado en Butarque, foi o que fixo o Alavés en Riazor no partido anterior. Xogaron con balón nos pés; morderon cando tiñan que recuperalo. Porque o fútbol é sobre todo iso, como dicía Arsenio, se tes o balón desenvolve as túas habilidades para marcar gol; se non o tes, fai o preciso para recuperalo para poder facer gol e, tamén é importante, para que non cho fagan. Velaí o asunto, que este equipo non semella ser moi axeitado para as recuperacións, alén de ser feble, moi feble, en situacións comprometidas. Cuestión de cabeza? Aí terá que traballar Pepe Mel. O problema? Que ten moitos partidos seguidos e case non ten tempo nin para saber como se chaman os seus homes. En todo caso, que sexa benvido e que tarde moitos anos en marchar. Sería quen de manexar, mesmo, o ADN duns futbolistas capacitados para o toque, pero que na loita perden moito. E o corpo a corpo tamén é fútbol.