O deportivismo será hoxe do Las Palmas para poder acougar dunha vez por todas, mesmo sen ter que agardar a que o seu equipo faga os deberes e venza ao Espanyol en Riazor. Abonda con que o equipo amarelo non perda perante o Sporting para que os deportivistas poidan xogar os tres encontros que quedan con total tranquilidade, xa que os asturianos quedarán moi lonxe, tanto como para que non acadasen o puntos que teñen agora os coruñeses malia que estes perdan todos os partidos. Así de triste é o conto. Unha mostra de que os seareiros non se fían dos seus nunha actitude lóxica, porque para fiarse están despois do que están a facer durante todo o ano. Houbo algún encontro interesante e mesmo na primeira parte do curso podíase falar de mala sorte ou de inxustizas arbitrais, pero na meirande parte dos partidos non houbo ningunha desculpa. Especialmente nos últimos da era Pepe Mel. Certo que coa chegada do adestrador madrileño o Deportivo pegou un empurrón importante coas vitorias perante o Barcelona e en Gijón, mesmo tamén foi sobranceiro o empate diante do Atlético, pero despois? Nada. E do partido do Molinón falo ben porque rematou cun triunfo, non pola imaxe e menos polo xogo. Que remate isto xa! E se pode ser hoxe, mellor; porque mañá? non che sei eu.