Toca agardar para coñecer nomes, que é o que desexa xa o deportivismo, pero aínda estamos comezando xuño, como din desde o Deportivo, e aínda non saben con cantos cartos exactamente van contar para fichar. Teñen un cifra coa que arrancaron, 24 millóns de euros, pero esa referencia non implica que en certos casos prefiran esperar porque se o consello de administración é quen de amañar o seu lío con Facenda, esta cantidade poderíase mesmo duplicar. E digo podería. Se non fose pola sentenza negativa do Tribunal Supremo a estas alturas do conto a dirección deportiva sabería de que cartos disporía e mesmo sería posíbel que algún nome xa fose oficial, como aconteceu hai un ano. Si, porque no verán de 2016 Gaizka Garitano xa tiña case todo o equipo cando comezou a pretemporada; semella que Pepe Mel non vai ter esa sorte. Os cartos son os que mandan, máis cando hai moitos que pagar. Non debe ser doado cando a mensaxe do presidente é "máis calidade que cantidade". Boa filosofía cando xa tes na casa unha base feita, pero? a calidade costa máis. Vas gastar todo o que tes en dous ou tres xogadores que marquen diferenzas porque contas con ter algo máis para completar o equipo? Non podes; mellor, non debes. Porque, que acontecería se despois non hai máis diñeiro? A lóxica di que o haberá, pero con lóxica non se paga. E por aquí diso sábese un pouco ou dabondo. Hai que ter en conta que eses 24 millóns dos que parten tamén son para formar o plantel do Fabril. Moita ledicia polo ascenso -era obxectivo da entidade hai xa varios anos-, pero esa mellora na categoría vai custar tamén moito máis do que custaba estar en Terceira. Certo que é positivo, pero ten un prezo; agás que só se pretenda dar saída os rapaces de xuvenís e arriscarse a pasar por esa Segunda B en lugar de tentar asentarse. Foi un paso importante, como tamén compre valorar deportivamente a presenza do Silva en Terceira, pero iso costa. Non só ao primeiro equipo.