Emre Çolak ten pretendentes potentes polo que se di, pois mellor para o Deportivo xa que poden entrar cartos pola vía rápida. Se é certo que Sevilla e Valencia andan detrás do futbolista otomano, xa saben tentar negociar ou cláusula, que non creo que cheguen a tanto se ascende á cantidade que se está a falar, 20 millóns de euros. Este é, por suposto, máis un futbolista que un xogador de fútbol, alguén do que se agardan cousas distintas cando ten o balón e do que eu agardo moito neste novo ano, sen tanto abafamento porque os resultados non son bos, como aconteceu co equipo de Gaizka Garitano, pero se quere marchar? todo ten solución se hai cartos. Teño por certo que o Deportivo vai ter que vender, como xa fixera o ano pasado, porque precisa cartos, pero non hai que esquecer que os seareiros tamén precisan ledicias sobre o céspede. Son xa demasiados anos dando moito e recibindo pouco, pouco bo! Por iso o que compre facer -non son eu quen de dar consellos- é contar con homes de calidade, mais tamén comprometidos, que sexan profesionais malia que non sintan as cores, tampouco fai falla que diso encárganse os afeccionados. Abonda coa súa profesionalidade. E se alguén quere marchar, ou o seu axente anda facéndolles as voltas a outros equipos, é doado. Ademais, que non vai acontecer, imaxinades que alguén pague 15 millóns por Çolak? Porta aberta para recuperar a Lucas. Eses cartos darían para que voltase un estandarte deste equipo e desta afección. Xa viviu a súa experiencia na Premier, nun clásico desta Liga pero aló xa non ten sitio. Nunca pensei en que puidese volver, pero se chegan cartos... Xa sei que teño moita imaxinación e que me ilusiono con moita facilidade, pero así tamén é lindo vivir. Prefiro un sorriso que non unha cara de estrinxido.