Comprar para vender e vender para comprar, é así como se move este Deportivo no mercado por mor das dificultades económicas, agravadas polo incremento da débeda privilexiada en 21 millóns máis. A inversión en futbolistas como Andone, Çolak, Juanfran, Sidnei ten como fin principal reforzar o equipo para garantir a supervivencia na Primeira, chave para manter osíxeno e respirar; pero tamén a de acadar unha importante plusvalía en caso de venda. Xa aconteceu con Lucas Pérez, que chegou a cambio de 2,5 millóns e marchou deixando 20. Certo que con esta forma de traballar corren o risco de debilitar o equipo, aínda que a intención é que non marchen máis de un ou dous xogadores por temporada, sempre que o clube de destino pague a cláusula de rescisión, que adoitan ser cantidades importantes. Nese desexo de acadar ingresos, o Deportivo tamén manexa situacións como a de Insua, un futbolista de 23 anos formado na canteira e que tivo especial protagonismo en Segunda, primeiro no Deportivo e despois no Leganés, pero en Primeira non tivo o chanzo de triunfar en Riazor. No Leganés foi importante na primeira volta, pero na segunda perdeu peso. De todos os xeitos ten mercado, ten noivos e o Deportivo pode recadar unha interesante cantidade para ir na procura de xogadores que precisa para outras demarcacións máis baleiras, como a portería e a dianteira. Cuns cantos ingresos extras poderíanse conseguir cousas inimaxinábeis. Con algúns poucos, como poden ser os tres millóns por Insua o clube pode acadar unha cifra interesante para? soñemos. Dicía o outro día que coa marcha de Çolak, por exemplo, que ten unha cláusula duns dez millóns, máis os tres de Insua? o de Lucas Pérez non sería só un deses soños que se roncan, como diría Jardiel Poncela.