O Deportivo aínda debe 91 millóns de euros, pero o deportivismo amosou onte unha ledicia semellante a dun 31 de xullo moi recente. O consello de administración acadou un crédito de 45 millóns para liquidar a débeda privilexiada con Facenda; tirou un morto que tiña enriba -os directivos non sacan peito porque din que todo o traballo é do presidente, Tino Fernández-. Non é o mesmo ter que pagar a unha entidade privada que a un organismo estatal -Facenda ou Seguridade Social-, e tampouco é o mesmo para as contas da LFP, por iso o clube terá máis cartos para fichaxes. Desde onte todos os ingresos serán limpos, mesmo os traspasos. Que non é pouco. Ven sendo algo semellante a os plans de saneamento de 1985 e 1992, cando os clubes de fútbol pagaron as súas millonarias débedas a costas dos ingresos das quinielas. Nos anos oitenta debía menos de 26.000 millóns de pesetas; sete anos despois duplican esa cantidade. A conversión dos clubes en Sociedades Anónimas Deportivas permitiu a todos comezar coas contas a cero; mesmo o Deportivo, un clube que Lendoiro colleu no 88 con 445 millóns (pesetas) que desapareceron co segundo plan de saneamento. O de onte vén ser o mesmo, Abanca ofreceu ao Deportivo ese plan, a diferenza é que terá que pagar eses 45 millóns (esta vez de euros) en 15 anos. Moito mellor que facelo en cinco, sen dúbida; é moito mellor deber a quen lle deixa cartos con certas comodidades que a quen llos adebedas por non pagar durante moito tempo, porque xa non ía pasar nin unha. Aínda fallan 91 millóns por pagar, pero con máis marxe para facelo e iso tradúcese en máis posibilidades de facer un equipo competitivo. Traballo a tope de Tino Fernández; aposta a tope de Juan Carlos Escotet; e entrega a tope de Xulio Ferreiro. O do alcalde é de mérito. O primeiro en moito, moitísimo tempo, que é quen de andar da man con Deportivo, a primeira entidade da cidade. Xa era hora. Por ambas as dúas partes. O Deportivo une a xentes moi distintas e iso parecía moi difícil de comprender para quen só mira para o seu cu.