Hai uns anos eu tiña certa fixación con algúns futbolistas e cadrou que case todos levaban o 8 na súa camiseta. Entre outros devecía por Gerson, un brasileiro que non corría, que facía correr o balón, e que tiña unha zurda divina (lembro que un día comparara a Djalminha con este xogador e o deportivista chamárame tolo: "eu coma Gerson?". Estaba ofendido, non molesto, por equiparalo ao verdadeiro líder de aquel Brasil de 1970). Este brasileiro era zurdo, pero levaba o 8 (o 10 era de Pelé) e xogaba por onde e como quería. Desa época teño tamén un recordo agarimoso dun 8 que levaba a camisola branquiazul. Un home que so xogou con esas cores -saíu do Sporting Coruñés cara o Deportivo- e que onte marchou: Manolo Loureda. Lémbroo tratado inxustamente por Riazor porque tiña outras inquedanzas ademais dunha pelota; lembro a este xogador correr ata agoniar, colear con facilidade e golpear o balón con forza. Non lembro en que ano foi -nin vou mirar-, pero teño na cabeza un partido perante o Málaga no que marcou dous goles (2-0), o primeiro cunha patada desde o centro do campo. Quedei abraiado. Corría, bufaba, xogaba, berraba? pero desde a bancada so recibía asubíos porque non era un estilista. Ademais -uffff- naquela época déuselle por adicarse aos negocios das perruquerías. Loureda!!! O pelucas, que lle dicían os seareiros, hai tempo que non corre a banda e co tempo a xente o fixo de menos. O Patadas, como lle chamaban os seus compañeiros, deixou onte un baleiro no deportivismo. Compañeiros, amigos, entre eles Piño. Este lembraba o agarimoso que Loureda fóra con el cando comezaba no Deportivo. "Era un fenómeno, sempre animaba a todos". Era. Manolo Loureda, o Pelucas, o Patadas, marchou. Sempre activo, que despois do fútbol xogou cos seus ao fútbol sala e despois ás súas pachangas en Bastiagueiro. Sempre cun balón nos seus pés. Algo que sabía dominar con criterio. Boa viaxe, Loureda.