Semella que poucos coruñeses van ficar no Deportivo 2017-18, Pedro Mosquera e... algún máis? Malia que os xogadores aínda non comezaron a traballar, parece que os outros que máis opción teñen son Rubén Martínez e Róber -aínda enredada a súa volta ao Levante-. Unha icona do clube e do deportivismo, como é Álex, podería decidirse por un cambio de aires se non vai ter o protagonismo que precisa. Pepe Mel botou man del nun par de partidos na pasada campaña -foi sobranceiro o seu labor perante o Barcelona-, pero iso non abonda. O técnicos e dirixentes non poñerían atrancos a unha posíbel saída do da Sagrada Familia; mesmo aseguran que Bergantiños terá un lugar no club no posto que sexa cando el queira. Non soa ben. Pero tampouco é que houbese moitos coruñeses nos últimos anos. Certo que había un plantel de moito nivel e non era doado ter un sitio; ata os dous descensos. Desde a época dos sesenta-setenta, e falo dun Deportivo en Primeira (a era do equipo ascensor), nunca se viron tantos xogadores da casa nunha aliñación, con posto fixo e con rendemento. Agora, coa marcha de Manolo Loureda, moitos lembramos aquel equipo con Seoane; Belló, Luis, Cholo; Manolete, Sertucha; Cortés, Loureda, Beci, Cervera e Martínez/Rubiñán/Rabadeira. Seguro que misturo a algún que estivo dous ou tres anos despois. Coruñeses e galegos, agás Belló -asentado en Betanzos-, Cervera e Martínez. E despois estaban Vales, Piño, Cobas, Piña, Richard, Pardo e? seguro que algún máis que agora esquezo. Non había equipos base, pero había canteira, que eran os clubes modestos dos que saíron case todos eles. Ou canteira so é Abegondo? Non é canteira se saes cara o Fabril de calquera outro equipo da cidade? Ou é que hai quen non quere ollar para o traballo que con miles de nenos se fai en todos o barrios de A Coruña. Agora hai campos en Abegondo; antes eran as rúas.