Rubén Martínez (Coristanco, 1984) voltou este verán ao Deportivo despois dunha cesión no Anderlecht belga que cualifica coma "moi enriquecedora". De regreso a A Coruña afronta con ambición a posibilidade de facerse co posto de porteiro titular a pesar da incerteza que rodea esta posición no equipo. O club busca outro gardameta despois da marcha de Lux e estivo a punto de firmar a Diego Alves, pero Rubén prefire manter distancia con todo iso e centrarse no traballo da pretempada.

- Que lle aportou o seu paso por Bélxica?

-Foi unha experiencia moi enriquecedora, sobre todo por poder xogar en Europa, era un dos meus obxectivos cando fun alá. Quedar eliminados da Copa fíxome tomar esa decisión.

- Con que expectativas volve?

-Coas de traballar ao máximo e loitar por xogar, que é o que sempre quixen desde que cheguei.

-Existiu algunha posibilidade de quedar no Anderlecht?

-A única información que teño deles é que estaban moi contentos comigo e co meu traballo. Falei con varios compañeiros en vacacións, pero non quería saber absolutamente nada, quería desconectar cen por cen para volver centrado e sen distraccións. Se houbo interese ou non, non o sei; eu non quixen saber nada nin dun lado nin do outro. O Dépor púxose en contacto comigo para dicirme que empezabamos o día 5 a pretempada e centreime niso.

-Que lle trasladou o club?

-Simplemente comunicoume o día que me tiña que incorporar. Non falei con ninguén do club, simplemente vin aquí a loitar por xogar.

-Non hai certa incerteza niso?

-Non, non ten que ser así. Tamén podo dar por feito que contan comigo. Non teño que miralo polo lado negativo, podo dicir que o Dépor conta comigo.

-Afronta esta pretempada doutra forma? Por agora son dous para loitar por un posto de titular...

-Ao final é o mesmo: adestrar para mellorar, para evolucionar como xogador, para estar ben fisicamente e para xogar de titular. Que sexamos tres ou dous non afecta ao traballo.

-Condiciona que se fale de que o club busca outro porteiro?

-É algo que escapa ao meu control, non ten sentido que me preocupe sobre se vai vir outro porteiro ou non. Por moito que me preocupe, non vou poder facer nada. Eu non podo ir ao club e dicirlle: 'Non fichedes a outro porteiro'. Como eu non podo facer nada nin é unha cousa que poida controlar, non me preocupa.

-Fai falla outro porteiro na plantilla?

-Esa pregunta non fai falla que a responda. Eu non teño poder de decisión aí, o que faga o club ben feito está. O máis importante é o club e se eles cren que necesitan outro porteiro, benvido sexa.

-De chegar outro porteiro, cambiaría de idea sobre seguir aquí?

-E que non se sabe o que pode pasar. Eu agora adestro para facerme cun posto; se ven un porteiro e quedo aquí, seguirei loitando. É unha cousa que non me inflúe, no meu traballo non pode influir. Se ven, xa se verá no seu momento.

-Tanto costa atopar continuidade na portería do Deportivo?

-Son momentos. Se o equipo estivera ben na Liga en conxunto, seguramente habería un porteiro máis estable. Pero eu creo que aquí houbo porteiros que fixeron moi boas campañas. Lux fixo boas campañas, Fabricio fixo boas campañas... Ao final son situacións individuais e personalizadas, non podería dar unha explicación.

-De non marchar a Bélxica, pensa que tería xogado na Liga?

-Quen sabe, quen sabe... Ninguén o pode saber.

-Que lle parece Francis?

-Moi ben. Solo coincidín un adestramento con el o ano pasado antes de marchar a Bélxica, pero nótaselle moita mellora. Incluso desde que empezou a pretempada está mellorando. Co físico e as condicións que ten, para min ten un potencial espectacular, pero isto é fútbol e nunca se sabe. Como condicións e capacidade de traballo, moi ben.

-Que se pode esperar do Deportivo esta tempada?

-Eu son da opinión de que non podes apuntar para abaixo porque daquela nunca vas poder chegar arriba. Non somos candidatos a gañar a Liga, está claro, pero mandará o día a día.