Un partido vai decidir se Pepe Mel é o adestrador axeitado para dirixir o Deportivo, para seguir habería que dicir. E para min un partido non abonda para examinar a ninguén, nin futbolista, nin adestrador, nin para ningunha outra profesión que se poida dicir. É como cando estabas todo o ano estudando -ou non- e aprobabas COU. Non abondaba para ir á Universidade, tiñas que pasar un selectivo nun só día. Inxusto de todo. Dígoo con coñecemento de causa porque aprobei á primeira e en setembro despois de pasar un verán completo; outros, que no pisaran a praia nin sairan da casa non foron quen de superalo. Pois isto é o mesmo. Se o Deportivo gaña o sábado perante o Getafe significa que Mel merece seguir? Non. Se o Deportivo empata ou perde este partido significa que Mel ten que marchar? Non. A análise e posterior xuízo ten que ser por todo o traballo que leva feito, alén doutras cousas relacionadas co seu labor que transcenden o que acontece no verde. "Un partido non abonda para xulgar a ninguén: nin técnico nin futbolista. A avaliación ten que facerse sobre o seu traballo. Aínda que no caso dos adestradores hai outros factores que inflúen, o principal son os resultados". Isto esta entre aspas porque é algo que escribín o 11 de decembro de 2014 sobre Víctor Fernández. Non acreditaba en el, e non polos seus coñecementos futbolísticos, era pola súa capacidade para facer crer ao equipo que era quen de gañar, de xogar, de ilusionar. Mesmo tiven a oportunidade de dicirllo de fronte, na véspera do empate co Córdoba, o día en que foi despedido. Foi unha casualidade porque eu non traballaba, pero tomou un auga comigo, pero era por quen eu estaba. Non lle gustou. A min tampouco me gustaba o que vía en cada partido. O mesmo me pasa con Mel. E non, non falei con el. Penso que é un erro mantelo un día máis se non hai confianza; a confianza na vida pérdese nun segundo pero as veces nin se recupera. E no fútbol non abonda un partido.