Neste tempo que nos toca, sen chuvia, sen auga, pero con humidade extrema, a friaxe séntese en todo o corpo por moita roupa que un leve, mesmo nas orellas e non digo nada na caluga. Aí onde se nota o alento de alguén que non se quere ter preto. Esa sensación que terían que notar os profesionais do Deportivo despois de catro xornadas consecutivas sen gañar e con só doce puntos en catorce xornadas disputadas. O corpo xa non sente só a friaxe normal de andar pola rúa, tamén tenta escorregar a que lle produce ollar os marcadores e a clasificación cada semana. Tivo unha grande estrea Cristóbal Parralo na Liga co triunfo en Las Palmas, brillante, pero desde aí? nada. E ese nada converteuse en que o equipo canario está xa a dous puntos cando daquela estaba a cinco. Deu moi boas sensación o equipo perante o Atlético en Málaga e mesmo o sábado na primeira parte en Sevilla. Sensacións que non abondan. Agora son precisos números, resultados para que a xente poida ir a Riazor pensando en que non vai saír laiándose. Non me agacho. Dixen no seu momento que as fichaxes gustábanme, dixen que había un bo grupo de xogadores pero que lle faltaba un bo condutor. Agora creo que o ten malia a que os resultados seguen a ser negativos. Onte dicía que Cristóbal precisou de tempo para facer o que fixo co Fabril e que aquí aínda precisa máis do que xa leva. Porén, hai una diferenza, que el ben saberá, a esixencia no primeiro equipo non é a mesma. Gustará que o Fabril ascenda, pero o deportivismo precisa con urxencia satisfaccións do primeiro equipo. Van xa moitos anos de sufrimento. Dous descensos, dous ascensos apretados e catro salvacións sobre o límite. Demasiado para esa xente que segue a estar un paso por diante dun equipo que esta vez si está feito para competir. E xa non abonda con facer isto, hai que gañar. Ten que gañar xa o sábado perante o Leganés e ten que gañar na véspera de Nadal no clásico. Polos puntos e polo que significa. Con iso pode ser que os seareiros poidan rematar o ano con certo acougo, pero as sensacións, esas que din que deixa o equipo, non son boas cando se olla cara o derbi galego. E se a xente perde a ilusión, o equipo quedará sen nada.